21/04/2026

O ciclo cultural Noites Bárbaras remata este venres cos belgas OkiDok despois dunha gran acollida por parte do público

OKIDOK TEATRO
  • “Os catro espectáculos programados colgaron o cartel de invitacións esgotadas días antes das funcións, estamos moi satisfeitos da resposta da xente”, resalta Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás

O ciclo cultural Noites Bárbaras, impulsado desde o Concello de Barbadás, remata este venres coa actuación dos belgas OkiDok tras unha gran acollida por parte do público, que esgotou as invitacións para todos os espectáculos programados durante os meses de marzo e abril. “Pablo Meixe, Sonoro Maxín, Leti da Taberna e agora, OkiDok, colgaron o cartel de invitacións esgotadas días antes das funcións”, destaca Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás. 

O goberno local apostou por recuperar este 2026 o ciclo Noites Bárbaras, e a acollida non podía ser mellor. “Estamos moi contentos da resposta da xente, comprometémonos con recuperar este ciclo e ofrecer propostas diversas e de calidade, e aí está a acollida da poboación ”, asegura o alcalde. José Manuel Morgade, concelleiro de Cultura, pon en valor o esforzo municipal: “Ofrecemos espectáculos de gran calidade de xeito gratuíto, para facelo accesible a todas as persoas, e é algo que nos diferencia de moitos outros concellos”. 

Os belgas OkiDok porán este venres o broche de ouro das Noites Bárbaras co seu espectáculo “Slips Inside”. Pierrot e Marcel subirán ao escenario para amosar o seu gran talento a través da acrobacia, o mimo, o humor e a danza. Trátase dunha proposta de gran calidade, premiada a nivel internacional no Clown Festival de Milán e con máis de 500 representacións en diferentes puntos da xeografía mundial. A función comeza ás 20,30 horas na Casa da Cultura.

Novas

CONTENT.1778230038

SINGLE.1778230038