25/05/2024

O CIM de Barbadás atendeu no último ano a 132 mulleres de toda a comarca, case un 30 % máis que no anterior

Na loita contra a violencia de xénero na provincia de Ourense, o Centro de Información de Barbadás xoga un papel fundamental. Os seus profesionais ofrecen asesoramento a veciñas de toda a comarca e no último ano, dende abril do 2023 ao mesmo mes do 2024, foron un total de 132 mulleres as que recibiron atención, case un 30 % máis que no mesmo período do ano anterior.

O venres pola tarde tivo lugar no salón de plenos a reunión da mesa de coordinación interinstitucional fronte a violencia  de xénero do Concello de Barbadás. O obxectivo deste encontro, que se celebra cada 6 meses, é analizar a situación da violencia de xénero na provincia con todas as institucións implicadas na loita contra a violencia de xénero e no tratamento e atención ás vítimas.

Á reunión asistiu o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel; a concelleira de Igualdade, Elisabeth González; e o concelleiro de Emerxencias, Daniel Rey, xunto co persoal do CIM, traballadores dos Servizos Sociais e dos centros educativos do concello, Policía Local e Garda Civil. Propuxéronse medidas de cara a prevención e tratamento dos casos de violencia de xénero, así como para a coordinación das diferentes institucións.

O Concello de Barbadás detectou nos últimos meses un aumento significativo dos casos. As vítimas contan no Centro de Información á Muller (CIM) cun servizo que ofrece asesoramento dende os ámbitos social, psicolóxico de xurídico. Tamén se levan a cabo durante todo o ano diversas campañas e actividades de sensibilización e prevención das distintas formas de violencia.

A loita contra esta lacra social é unha prioridade en Barbadás e a concelleira de Igualdade, Elisabet González, subliña que a gran implicación dos profesionais de Barbadás é moi importante na loita contra este grave problema social.

Dispositivo de seguridade para as vítimas

O concello de Barbadás tamén conta co servizo Atenpro, un dispositivo de protección de seguridade para as vítimas de violencia de xénero que está conectado a unha central de alarma as 24 horas do día. Na actualidade son 14 as usuarias e o CIM encárgase de realizar o seguimento.

Ademais, o Concello de Barbadás está adherido á Rede de Entidades Locais fronte á violencia de xénero, entre outras medidas que se levan a cabo como a posta en marcha da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á violencia de xénero.

 

Novas

CONTENT.1730570964

SINGLE.1730570964