24/11/2025
O CIM de Barbadás inicia a Biblioteca Feminista, aberta a toda a cidadanía

- Os títulos en préstamo inclúen novelas, ensaios e cómics que reflexionan sobre o papel da muller na sociedade
- “Pode vir quen queira ao CIM e buscar se hai algún libro do seu interese”, sinala Elisabet González, concelleira de Igualdade
O Centro de Información á Muller (CIM) de Barbadás inicia a súa Biblioteca Feminista, un proxecto dirixido a toda a cidadanía que busca animar á lectura ao mesmo tempo que concienciar sobre as realidades ás que se enfrontan as mulleres. Os libros, escollidos polo persoal do CIM, están dispoñibles para o seu préstamo no propio centro; basta con achegarse, escoller un título e cubrir unha pequena ficha cos datos persoais. “Pode vir quen queira e buscar se hai algún libro do seu interese”, sinala Elisabet González, concelleira de Igualdade.
Os volumes, maioritariamente de autoría feminina, inclúen novelas, ensaios e cómics nos que se reflexiona sobre o papel da muller na sociedade, a violencia de xénero, o acoso sexual, a prostitución ou o peso dos coidados no fogar. “Son lecturas moi recomendables de autoras moi coñecidas como Carmen Martín Gaite, Chimamanda Ngozi Adichie, Cristina Fallarás ou Ledicia Costas”, explica González.
O obxectivo é dar a coñecer a Biblioteca entre a veciñanza e ir ampliando pouco e pouco o fondo, que actualmente roza o medio centenar de exemplares. “A Biblioteca tamén ten un uso terapéutico entre as usuarias do CIM que viven situacións de violencia e vulnerabilidade. É outra forma de acompañalas que complementa á atención psicolóxica, social e legal do CIM”, detalla a concelleira de Igualdade.