03/05/2023
O Concello adxudica a conversión dunha parcela residual do Ruxidoiro nun gran espazo natural para o ensino ao aire libre, teatro ou o xogo
O Centro educativo O Ruxidoiro, en Barbadás, transformarase co axardinamento e acondicionamento dunha zona verde no interior do centro, hoxe residual e sen uso algún. Cun orzamento de execución de máis de 13.000 euros, o proxecto, que xa foi adxudicado, afecta a unha superficie de 1.920 metros cadrados que actualmente está libre de edificacións, é propiedade municipal e atópase infrautilizada.
O obxectivo é poñer en valor unha zona que pode complementar e potenciar a actividade docente, así como o aspecto lúdico e de esparexemento no centro. Este novo espazo tamén poderá ser utilizado para a realización de actividades municipais, froito da colaboración entre o goberno local e a dirección do centro.
Para acadar este dobre obxectivo, contémplanse a construción dunha bancada corrida de madeira asentada sobre a topografía natural, facendo alusión aos teatros gregos. Esta bancada mirará cara a un espazo ovalado de area, no que se poderán realizar actividades teatrais, charlas e ensino ao aire libre o simplemente utilizar como espazo de xogo.
A actuación complétase cunha estacada de travesas que configurará unha sorte de cabana para usos varios (desde camerino ata lugar para xogos o simplemente para gardar materiais varios ou ferramentas), bancos e plantacións vexetais que conxugarán árbores, arbustos, plantas e céspede.
Xosé Carlos Válcarcel encadra esta actuación como unha mostra máis da aposta do Concello pola creación das mellores condicións posibles tanto para a educación como para o ocio dos e das estudantes de Barbadás.
Para Victoria Morenza, tenente alcalde, é un exemplo de colaboración entre a dirección do centro e o Concello de Barbadás, que tamén utilizará este novo espazo para a realización de actividades municipais.