15/12/2023

O Concello aportará un total de 6.000 euros ás ANPAs e aos CEIPs para a realización de actividades e dar apoio á conciliación

A aposta decidida do Concello de Barbadás en favor da conciliación séguese demostrando con feitos. As ANPAs e os CEIPs recibirán unha axuda económica dun total de 6.000 euros para a realización de actividades e para dar apoio a diferentes servizos. Cada vez son máis as familias que elixen o municipio para asentarse e escolarizar aos nenos e nenas e iniciativas como esta serven para ampliar a atención que se ofrece durante todo o ano aos cativos e cativas.

As asociacións de pais e nais e centros beneficiarios desta axuda son os CEIPs Ruxidoiro, Filomena Dato e IES Ferro Couselo. A este último asiste un gran número de mozos e mozas do concello. A concelleira de Educación, Marga Pérez, asegura que esta contía económica “será de gran axuda para cofinanciar as actividades que se propoñen para o alumnado dende o claustro de profesorado e dende as ANPAs, non só dos colexios do termo municipal senón do IES Ferro Couselo, onde acude a nosa mocidade”.

Esta axuda que permitirá ampliar a oferta de actividades para os escolares sumarase a toda a programación que se propoñe dende o Concello de Barbadás ao longo do curso escolar dende as diferentes áreas de Educación, Cultura e Igualdade. Ao longo de todo o ano ofrécense espectáculos de teatro, cine ou exposicións e organízanse celebracións en datas destacadas. Tamén cómpre destacar os obradoiros que promove o Concello entre os mozos e mozas para traballar os valores do respecto e a igualdade.

Esta achega económica servirá ademais para dar apoio aos servizos que se ofrecen dentro dos colexios para favorecer a conciliación das familias como as “mudas escolares”, “Bos días cole” e diferentes actividades extraescolares.

Novas

CONTENT.1726326951

SINGLE.1726326951