09/04/2024
O Concello constrúe unha rampla para unificar os accesos ao polideportivo e ao campo de fútbol e mellorar a mobilidade
Unha única rampla permitirá acceder a dúas instalacións municipais de Barbadás: o campo de fútbol dos Carrís e o polideportivo municipal. Esta infraestrutura que está a construír o Concello ten como principal obxectivo mellorar a mobilidade e a accesibilidade e as obras contan cun orzamento de 48.387 euros.
O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, explica así a actuación: “Trátase de habilitar un único acceso ao campo de fútbol e ao polideportivo. Haberá unha cubrición en parte desa rampla e portas de acceso para cada instalación”.
Tal e como se establece no proxecto, os traballos permitirán unificar o acceso peonil mediante a mellora do cortaventos de acceso ao complexo e a creación dunha rampla accesible exterior sobre o talud existente. A rampla construirase en tres tramos do 8% de pendente sen superar os seis metros de lonxitude para garantir a accesibilidade da mesma.
Ademais, no proxecto inclúese a climatización da zona de vestiarios aproveitando a caldeira existente para a auga das duchas e arranxaranse os problemas de humidades do inmoble. Instalarase un depósito de inercia para auga quente que subministre enerxía aos climatizadores dos distintos vestiarios, coas súas correspondentes válvulas e bombas de circulación para a instalación.