22/04/2024
O Concello dará pautas á veciñanza sobre como reaccionar ante a picadura das avespas velutinas e para a elaboración de trampas
A información é clave para o control das avespas velutinas. Por iso o Concello de Barbadás, no marco do seu plan de prevención desta praga, programou charlas informativas nos diferentes pobos e nas que se darán pautas á veciñanza sobre como reaccionar ante as picaduras e para a elaboración de trampas artesanais. A primeira das oito charlas programadas terá lugar mañá, 23 de abril, ás 19.30 horas no local social de Bentraces.
Nestes encontros tamén se mostrará aos veciños e veciñas o equipamento de actuación co que conta o Servizo Municipal de Emerxencias e a dar avisos de avistamentos. O mércores, 24 de abril, a iniciativa trasladarase ao local social de Piñor e ao resto dos pobos ata o próximo 7 de maio.
Estas charlas informativas son só unha das medidas que porá en marcha o Concello de Barbadás no seu plan de control da avespa velutina que se levará a cabo en dúas fases. Por unha banda, nesta época de primavera colocaranse un cento de trampas con atraínte para capturar as raíñas que saen da hibernación, evitando así a proliferación de niños secundarios.
Escopeta marcadora
Posteriormente, a eliminación de niños terá lugar mediante previo aviso dos particulares aos números de teléfono 012 ou 112. A actuación levarase a cabo mediante o método de eliminación física do niño con spray insecticida e retirada manual, ou ben con escopeta marcadora de nova adquisición, que evitará así o gasto en aluguer de elevadores e minimizará o risco das diferentes intervencións ao non ser preciso realzar traballos en altura.
Este novo sistema de eliminación con escopeta marcadora de aire comprimido permitirá chegar a alturas que sería imposible alcanzar sen grúa e diminuirase o risco de ataque das velutinas.