19/02/2026

O Concello de Barbadás activa a ampliación do Polideportivo, cun investimento final de 1,2 millóns

  • A primeira fase consiste na instalación dun ascensor para conectar mecanicamente as dúas plantas do recinto deportivo
  • A continuación, a segunda planta dotarase de ximnasio, sala para actividades e vestiarios, co obxectivo de rematar todo en novembro

O Concello de Barbadás vén de activar a primeira fase das obras de ampliación do Polideportivo Municipal, un dos principais proxectos do goberno local no municipio. O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, o e o tenente alcalde e concelleiro de Obras, Daniel Rey, asinaron esta mañá a acta de replantexo da intervención, que comezará ao longo da próxima semana. 

“Esta primeira fase das obras inclúe a construción dun ascensor que conectará a primeira planta coa segunda, onde se colocará unha cuberta e se ubicará o novo ximnasio, a sala de clases dirixidas e os vestiarios”, explica Valcárcel. A actuación, orzamentada en 150.000 euros, permitirá conectar polo interior do polideportivo as dúas plantas, ata o de agora só conectadas por un tramo de escaleiras exteriores. 

Nunha segunda fase, a planta superior, actualmente ao descuberto, cambiará por completo a súa aparencia. Así, construiranse os vestiarios e a estrutura da envolvente do ximnasio, no que haberá unha sala para actividades dirixidas. “Esta ampliación permitirá incrementar o número de socios e mellorar o servizo notablemente, xa que haberá maior frecuencia de actividades ao contar cun espazo propio e a pista central do Polideportivo quedará liberada para eventos deportivos”, engade o alcalde. 

Cabe destacar a elevada demanda de socios das instalacións deportivas municipais, que contan con máis dun milleiro de persoas inscritas. O proxecto de ampliación, que deberá estar rematado a mediados do mes de novembro, conta cun orzamento total de 1,2 millóns de euros.

Novas

CONTENT.1773475469

SINGLE.1773475469