12/08/2025

O Concello de Barbadás adxudica por preto de 93.000 euros a rehabilitación da estrada que une Barxa con Vistahermosa

Barxa

O Concello de Barbadás vén de adxudicar por 92.908,64 euros a obra de rehabilitación de firme da estrada que une o núcleo de Barxa, en Piñor, co barrio de Vistahermosa, en Ourense. A intervención será realizada pola empresa Extraco e arrancará durante o mes de setembro, cun prazo de execución dun mes. 

Actualmente, a estrada presenta un firme totalmente esgotado e numerosas irregularidades que cómpre corrixir, tal e como sinala Victoria Morenza, tenente alcalde e concelleira de Vías e Obras. O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, destaca a rehabilitación como “prioritaria”, dado o elevado tráfico deste vial. “Esta vía serve como acceso a Ourense desde unha das parroquias máis grandes de Barbadás, e precisamente serve para desafogar outros viais de acceso á capital, diversificando así a mobilidade”, apunta.

O tramo a rehabilitar comeza nas inmediacións da igrexa de San Lourenzo de Piñor e ten unha lonxitude de 1.140 metros, ata o límite do concello de Ourense. O ancho medio é de 5,50 metros, con algunhas zonas que presentan sobreanchos. 

A intervención incluirá a limpieza de cuneta, fresado da superficie existente, rega de adherencia, pintado das marcas viarias ou levantamento de dous reductores de velocidade de 3 metros, entre outras melloras.

Novas, Urbanismo

CONTENT.1770947142

SINGLE.1770947142