28/07/2025

O Concello de Barbadás apela á responsabilidade e civismo dos propietarios de animais domésticos para manter limpos os espazos públicos

Campaña animais
  • “Hai moito malestar: ten habido numerosas queixas e recollidas de firmas por parte da veciñanza pola falta de concienciación dalgúns propietarios”, explica Victoria Morenza, tenente alcalde e concelleira de Parques e Xardíns
  • O goberno local lanza unha campaña de concienciación para recordar as normas básicas da convivencia e as sancións, que poden chegar aos 500 euros

O Concello de Barbadás lanza unha campaña de concienciación dirixida aos propietarios de animais domésticos despois das numerosas queixas da veciñanza polo estado de beirarrúas e soportais do núcleo da Valenzá. Baixo o lema “Coida dos teus animais e da túa contorna”, o goberno local recorda a normas básicas de convivencia (recollidas na ordenanza municipal, pero tamén na normativa autonómica e estatal), que inclúen a obrigatoriedade de recoller os excrementos no espazo público e de botar auga por riba dos ouriños. 

“Esta campaña realízase porque hai zonas comúns que están sendo ensuciadas por persoas que non cumpren coa normativa. Hai moito malestar: ten habido numerosas queixas e recollidas de firmas por parte da veciñanza pola falta de concienciación dalgúns propietarios”, explica Victoria Morenza, tenente alcalde e concelleira de Parques e Xardíns. 

O último tramo da avenida de Celanova, antes de chegar ao Concello de Ourense, os soportais dos edificios e as zonas tapadas son os puntos máis conflitivos. “É importante recordar que existen unhas normas a cumprir ao ter unha mascota”, sinala Morenza. O incumprimento das mesmas conleva sancións de tipo económico, que oscilan entre os 100 e os 500 euros. 

A campaña de concienciación levarase a cabo a través das redes sociais e coa colocación de carteis no espazo público. Victoria Morenza recorda que a responsabilidade do Concello é a vixilancia das rúas, polo que se intensificará nas próximas semanas. “Pero tamén apelamos ao civismo da poboación”, engade. 

Novas

CONTENT.1770880468

SINGLE.1770880468