13/10/2023

O Concello de Barbadás aposta pola formación para favorecer a creación de emprego e oferta dous novos cursos

O Concello de Barbadás fai unha aposta decidida pola formación para favorecer a creación de emprego. Para este mes de outubro ofrece, a través da concellería de Promoción Económica que dirixe José Manuel Morgade, dúas novas accións formativas que se desenvolverán no Centro Empresarial Transfronteirizo e nas instalacións municipais da Solaina.

O 16 de outubro impartirase o curso de Manipulación de alimentos, en horario de 16.30 a 19.30 horas. O carné desta especialidade é un requisito imprescindible que deben obter os traballadores e traballadoras da hostalería e de empresas do sector alimentario. O Concello, a través desta proposta formativa, quere facilitar esta formación á veciñanza.

A finais de mes, os días 30 e 31 de outubro, desenvolverase o curso de E-commerce e Márketing dixital, en colaboración coa Fundación Civervoluntarios. Será en horario de 16.00 a 18.00 horas e o obxectivo é dotar ás mulleres emprendedoras de ferramentas  dixitais para potenciar ideas e negocios activos.

Os cursos son gratuítos e a inscrición pode realizarse no enderezo electrónico cet@barbadas.es ou no teléfono 988 360 413.

Niño empresarial para emprendedores

Favorecer a creación de emprego tamén é o obxectivo do Concello de Barbadás ao ofrecer un niño empresarial no Centro Empresarial Transfronteirizo para emprendedores e emprendedoras que queiran poñer en marcha o seu negocio. Trátase dunha ferramenta de apoio aos empresarios coa que se conta dende o 2016 para apoiar aqueles proxectos empresariais viables. A través do niño empresarial ofrécense todos os medios técnicos e económicos cos que conta o Concello, como a liña municipal de subvencións a empresas de recente creación.

O niño empresarial que se oferta quedou dispoñible despois de ser a incubadora, durante os tres últimos anos, da empresa Sanysec, un referente no sector dos tratamentos de humidades e que traslada as súas oficinas. Cederase inicialmente por 12 meses con posibilidade de prórroga ata 36 meses. O beneficiario terá que abonar un custo simbólico ao mes, no que se inclúe mobiliario, equipos informáticos, conexión a Internet, luz, calefacción e servizo de limpeza. Tamén accederase a asesoramento e apoio do persoal técnico do CET.

O Concello ofrece unha oportunidade idónea para os novos emprendedores que queiran instalarse nun municipio dinámico, cunha situación territorial privilexiada e un dos motores socioeconómicos da provincia.

 

 

Novas

CONTENT.1726564136

SINGLE.1726564136