04/03/2024

O Concello de Barbadás bonificou máis de 308.355 viaxes en autobús aos seus veciños e veciñas ao longo do pasado ano

As axudas do Concello de Barbadás, a Xunta de Galicia e o Goberno Central ao transporte metropolitano contribuíron a que se producirse un aumento significativo do número de viaxes e usuarios e así se reflexa en cifras. Os descontos implantáronse en setembro de 2022 e neste ano contabilizáronse 215.492 viaxes nas liñas de autobús da zona, ascendendo o número a 308.355 no pasado ano 2023, o que supón un incremento de case 100.000 con relación ao anterior. O Concello de Barbadás, pola súa parte, bonifica este transporte co método actual desde o ano 2020. Sumadas todas (Concello, Xunta e Ministerio), a porcentaxe do billete subvencionada oscila para a veciñanza de Barbadás entre o 87 e o 100%.

Os datos déronse a coñecer esta tarde por parte da concelleira de Mobilidade e tenente alcalde, Victoria Morenza, no pleno que celebrou a Corporación de Barbadás e con motivo da moción presentada por Partido Galego para reclamar a inmediata posta en marcha do transporte metropolitano. A proposta aprobouse co voto a favor de todos os partidos, a excepción do PP.

O goberno local de Barbadás leva anos reclamando este servizo e hai seis anos que se aprobaron nun pleno extraordinario as ordenanzas que esixiu a Xunta de Galicia para instaurar o transporte metropolitano, se ben a día de hoxe non se deron pasos en firme para facer realidade esta demanda histórica dos veciños e veciñas. Así se lle trasladou ao delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, que visitou o concello a pasada semana e mostrou todo o seu apoio para lograr esta reivindicación.

Cómpre lembrar que o Concello de Barbadás gasta 100.000 euros ao ano en bonificacións para o transporte en autobús. En concreto, existe unha bonificación xeral do 37%, ao 55 % no caso dos estudantes e ao 48% para os pensionistas. A viaxe é gratuíta para as persoas en risco de exclusión social.

Na sesión plenaria tamén se trataron outros asuntos. Por unanimidade aprobouse a creación e licitación dunha praza de taxi adaptado. Tamén co apoio de todos os grupos aprobouse a moción do BNG en apoio ás reivindicacións dos colectivos feministas con motivo da celebración do 8M.

A concelleira de Igualdade, Elisabeth González, explicou que se está a traballar dende todas as áreas de goberno e con todas as políticas municipais a favor da igualdade. O Concello organizou, entre outras propostas, un programa de actos para conmemorar o Día da Muller que se estenderá ata o mes de maio e que incluirá un ciclo de educación afectivo-sexual. Tamén se celebrará a primeira edición da Carreira pola Igualdade de Barbadás.

Tamén se debateu unha proposta do PP en apoio aos agricultores e gandeiros españois. Votou a favor o Partido Popular, mentres que o BNG e Partido Galego abstivéronse e PSOE e Democracia Ourensana votaron en contra. O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, lamentou que “o noso país é unha potencia agroalimentaria, pero a agroindustria segue a sumar beneficios que non repercuten no produtor”. O rexedor culpou ao PP de “votar en Bruxelas uns argumentos que defenden aquí e lamentou que “as multinacionais esquilmen aos produtores”.

Novas

CONTENT.1728535840

SINGLE.1728535840