01/09/2025

O Concello de Barbadás busca aos responsables dos desperfectos e danos na pista multideporte da Valenzá

Pista
  • “Non é a primeira vez que hai actos vandálicos nestas instalacións”, lamenta Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás
  • Os vándalos racharon unha das redes e envorcaron unha das canastas do recinto

O Concello de Barbadás busca aos responsables dos desperfectos e danos ocasionados na pista multideporte da Valenzá esta semana. Os vándalos racharon unha das redes e envorcaron unha canasta das instalacións, inauguradas no outono de 2024. “Non é a primeira vez que hai actos vandálicos neste espazo”, lamenta Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás. O goberno local puxo en coñecemento da situación á Policía Local e a Garda Civil, que actualmente investiga os feitos. Os culpables deberán pagar os danos causados e enfrontaranse á correspondente sanción económica. 

A limitación de horarios dos espazos deportivos ao aire libre responde tamén á necesidade de poñer fin a este tipo de actos vandálicos que se producen durante a madrugada. O bando municipal publicado esta mesma semana establece como horario de uso das 9,00 ás 23,00 horas co obxectivo de evitar desperfectos, pero tamén ruídos, despois das numerosas queixas recibidas pola veciñanza da contorna. A poboación quéixase de ruídos, música e coches que aparcan e circulan nas zonas anexas á pista multideporte. 

Cabe destacar que numerosas familias e mozos e mozas fan uso da pista de fútbol sala e da pista de baloncesto durante as xornadas estivais. “Desde o Concello apostamos por este tipo de espazos porque favorecen os hábitos de vida saudables, pero temos que velar pola boa convivencia cidadá e polo uso adecuado da pista”, resalta o alcalde. 

Deportes, Novas

CONTENT.1773137810

SINGLE.1773137810