06/12/2025
O Concello de Barbadás celebra o Nadal cunha vintena de actividades dirixidas a todos os públicos

- “Será un Nadal cheo de color, ledicia, música, deporte, cultura e actividades sociais”, resalta o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel
- O acendido da árbore deste venres suporá o inicio dos festexos no municipio
- “Este Nadal está centrado na dispersión xeográfica, o alumeado ímolo levar a todos os recunchos do concello”, asegura Victoria Morenza, tenente alcalde e concelleira de Servizos Públicos
O Concello de Barbadás propón unha variada programación para celebrar o Nadal cunha vintena de actividades dirixidas a todos os públicos. A veciñanza poderá desfrutar dunha vintena de propostas lúdicas que inclúen teatro, concertos, obradoiros, festivais ou torneos. “Será un Nadal cheo de color, ledicia, música, deporte, cultura e actividades sociais”, resaltou o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, durante a presentación da programación. O rexedor tamén convidou á veciñanza a escoller para as compras de Nadal o comercio local de Barbadás, unha panca económica fundamental do municipio e un dos principais dinamizadores da vida social.
Os festexos comezarán este venres pola tarde co acendido da árbore e da iluminación de Nadal. A partir das 18,00 horas haberá animación musical no entorno da árbore (situada na rúa Viso, número 1) para rematar coa tradicional conta atrás do acendido, que se realizará ás 19,00 horas. Para pechar a inauguración, a veciñanza está convidada a unha chocolatada popular. Victoria Morenza, tenente alcalde e concelleira de Servizos Públicos, deu conta do esforzo do goberno local por iluminar todo o municipio: “Este Nadal está centrado na dispersión xeográfica, imos levar o alumeado ata o último recuncho do municipio”. Este ano, as luces son LED, o que permitirá un maior aforro enerxético.
Ana Peleteiro, concelleira de Cultura, detallou a programación cultural, que inclúe espectáculos de maxia como “Zasca”, do Mago José Rivera, concertos como o da Banda Musical Infantil da Escola de Música Municipal de Barbadás ou o Festival de Panxoliñas, e teatro, como “Os contos do Lobicán” de Rédrum Teatro. “Queremos que os veciñas e veciñas desfruten destas datas, que interactúen e que socialicen entre elas”, sinalou a concelleira. Papá Noel e Os Reis Magos farán parada en Barbadás, como é habitual, e percorrerán distintos puntos e núcleos do municipio para saudar a toda a poboación. A Concellería de Emerxencias, dirixida por Daniel Rey, conta xa con dispositivos especiais para as cabalgatas, ao igual que para o resto de actividades na vía pública.
Entre as propostas para as próximas semanas tamén destacan as deportivas. A concelleira de Deportes, Noemí Pintos, convidou á poboación a achegarse ao torneo benéfico prebenxamín Memorial Javier Carid “Abuelo”, que permitirá recoller alimentos para o Banco de Alimentos.
Por outra banda, tamén haberá oco para actividades saudables, como o Obradoiro de Doces de Nadal para persoas celíacas. “Poden participar tanto persoas con celiaquía como as súas familias”, detallou Elisabet González, concelleira de Servizos Sociais e Saúde. A Consellería de Servizos Sociais atópase inmersa actualmente na recollida de xoguetes para familias vulnerables, que o Banco Solidario repartirá nas próximas semanas.
Concurso de escaparates e balcóns
A concelleira de Comercio, Marga Pérez, recordou que aínda está aberto o prazo para inscribirse no concurso de decoración de Nadal de escaparates e no concurso de balcóns e portais. “É un xeito de que a veciñanza participe e colabore en facer entre todos máis bonito o noso municipio para estas datas tan máxicas”, apuntou.
O prazo de inscripción remata este venres ás 14,00 horas para os dous concursos. A solicitude pode presentarse nos rexistros municipais ou na sede electrónica do Concello de Barbadás. A votación será popular -poderá participar toda a veciñanza- e telemática, entre os días 10 e 17 de decembro.
| Data | Adxuntos |
|---|---|
| 06/12/2025 | 2025-Barbadás-Díptico Programa Nadal PDF [5 MB] |