23/10/2025

O Concello de Barbadás colabora coa Hidrográfica na limpeza do río dos Muíños na Valenzá

Limpeza río
  • A Concellería de Emerxencias está a retirar numerosas especies invasoras, así como residuos plásticos, das beiras e do leito fluvial
  • O concelleiro Dani Rey chama á responsabilidade da poboación para coidar un espazo natural único no municipio

O Concello de Barbadás, en colaboración ca Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), executa labores de tala e retirada de vexetación nas beiras e leito do río dos Muíños ao seu paso pola Valenzá.

A Concellería de Emerxencias detectou exemplares de vexetación arbórea con risco de caída na contorna do río na zona, e dada a complexidade dos traballos a acometer, solicitou a colaboración da CHMS, quen conta cos medios técnicos necesarios para levar a cabo a limpeza.

Ademais das tarefas especializadas de tala, tamén se está a traballar na eliminación de especies vexetais invasoras e na limpeza do leito fluvial. Estas labores, que comezaron a semana pasada, estenderanse nas vindeiras xornadas ata que os técnicos determinen a idoneidade do traballo feito. 

Os operarios tamén están a retirar numerosos residuos nas beiras e leito do río como bolsas, latas, bricks e mesmo cadeiras. Neste sentido, o concelleiro de Emerxencias, Dani Rey, chama á responsabilidade da poboación para coidar un espazo único de Barbadás. “Por este lugar pasean milleiros de persoas que queren desfrutar da contorna nas mellores condicións posibles”, apunta o edil.

Ao mesmo tempo, unha vez recibido o visto bo da Hidrográfica, o Concello procedeu á restauración da caseta dos patos no parque do mesmo nome, para facilitar a cría cando sube o caudal.

A Concellería de Emerxencias, en colaboración coa Concellería de Obras e Servizos, vai proceder a reparar as esclusas dos azudes para regular os niveis da auga que recomenda a CHMS. Dani Rey lembra que a manipulación das mesmas só pode facela persoal acreditado, podendo ser sancionado aqueles particulares que modifiquen as condicións hidrolóxicas do leito.

Emerxencias, Novas

CONTENT.1770942338

SINGLE.1770942338