01/10/2026

O Concello de Barbadás comproba o correcto funcionamento do servizo de transporte da Xunta tralas queixas veciñais

  • O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, solicitou información á empresa concesionaria sobre o número de pasaxeiros e os posibles picos de afluencia

O Concello de Barbadás vén de comprobar o correcto funcionamento do servizo de transporte urbano dependente da Xunta de Galicia tralas queixas veciñais recibidas sobre a saturación de certas liñas de autobuses nos horarios de mediodía. O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, solicitou a información pertinente á empresa concesionaria do servizo, que detallou o número de pasaxeiros dos mediodías do mes de setembro, así como as medidas levadas a cabo. “A empresa xa reforzou o servizo das 14,10 horas debido á afluencia dos escolares que volven desde Ourense no parón do mediodía”, explica o alcalde.

No horario das 14,35 horas, o número de pasaxeiros non superou os 53, sendo de 107 persoas a capacidade máxima homologada dos vehículos. Aínda así, a propia empresa recoñece que superar os 70 usuarios e usuarias “non é óptimo” para a comodidade dos mesmos. No caso do horario das 15,00 horas, houbo dúas xornadas (15 e 16 de setembro) nas que se superaron as 70 persoas (71 e 79, respectivamente). 

“Estase conseguindo que a afluencia sexa a adecuada para a comodidade dos pasaxeiros e pasaxeiras, polo de agora só houbo eses dous picos”, apunta o alcalde. A empresa, de feito, comprométese a analizar a evolución da afluencia das 15,00 horas nas próximas semanas e así “dar resposta á demanda do Concello”.

Cabe destacar que aínda que se trata dun servizo dependente da Xunta de Galicia, o Concello de Barbadás aportou neste 2026 un total de 180.000 euros do seu orzamento para reducir o importe do billete para os veciños e veciñas do municipio. 

Por outra banda, o Concello sí se encarga de sufragar o servizo de transporte para alumnado de Bacharelato e Formación Profesional (FP), aínda que non é competencia municipal, ante a inexistencia desta prestación por parte da Xunta de Galicia. 

Novas

CONTENT.1792008256

SINGLE.1792008256