03/03/2026

O Concello de Barbadás construirá un ascensor desde a rúa Bernabé ata o Centro de Saúde da Valenzá

  • O proxecto, incluído no Plan EDIL, está actualmente en proceso de redacción

O Concello de Barbadás construirá un ascensor desde a rúa Bernabé ata o Centro de Saúde da Valenzá para mellorar a accesibilidade e salvar a considerable pendente da zona, unha demanda histórica da veciñanza. A intervención, incluída no Plan EDIL, atópase actualmente en proceso de redacción por parte da institución encargada, a Deputación de Ourense. 

O tenente alcalde e concelleiro de Obras, Daniel Rey, deu conta do estado do proxecto na sesión plenaria de onte, despois de que o PP presentase unha moción relativa á viabilidade da actuación. Rey explicou que, se ben os técnicos valoraron en xaneiro a posibilidade de colocar unha rampla na rúa do Outeiro, non é posible facelo a través dos fondos do EDIL. “O que se presentou ao Plan EDIL e foi aprobado foi un proxecto de construción dun ascensor, non dunha rampla, polo que estamos na obriga de construír o que propuxemos formalmente, un ascensor”, apuntou. 

O tenente alcalde sinalou as vantaxes de colocar un elevador, tales como un mantemento máis sinxelo e barato, e o menor impacto na vía, xa que non afectará aos estacionamentos. “O ascensor contará con dous andares, dúas paradas, unha primeira á altura das oficinas municipais e a segunda á altura do Centro de Saúde”, detallou Rey. 

A construción do elevador suporá unha importante mellora na accesibilidade do ambulatorio, ao que diariamente se achegan centos de persoas. “Mellorar a mobilidade da poboación foi sempre a cuestión prioritaria deste proxecto”, recordou o tenente alcalde. 

Novas

CONTENT.1773478636

SINGLE.1773478636