17/07/2025

O Concello de Barbadás convoca as axudas para persoas con celiaquía ou intolerancia á lactosa, únicas en toda Galicia

  • Cada solicitante percibirá un máximo de 400 euros para mitigar os elevados prezos dos alimentos sen glute e sen lactosa
  • “Pretendemos seguir axudando ás familias, xa que o prezo destes produtos preocupa, sobre todo nun momento no que o custe da cesta da compra está disparado”, sinala Elisabet González Nistal, concelleira de Servizos Sociais

O Concello de Barbadás convoca as axudas económicas para persoas celíacas ou con intolerancia á lactosa, sendo o único concello de toda Galicia en contar con este tipo de subvencións. O goberno local puxo en marcha esta liña de axudas hai máis de 10 anos co obxectivo de mitigar o elevado custe que aínda teñen os alimentos sen glute e sen lactosa. 

“Pretendemos seguir axudando ás familias, xa que o prezo destes produtos preocupa, sobre todo nun momento no que o custe da cesta da compra está disparado”, sinala Elisabet González Nistal, concelleira de Servizos Sociais. As persoas con intolerancias deste tipo vense obrigadas a asumir un sobrecuste na alimentación que pode chegar aos 500 euros anuais. “Vense na obriga de gardar unha dieta porque, de non facelo, a súa saúde veríase seriamente afectada”, recorda a concelleira. 

O importe máximo das axudas é de 400 persoas por solicitante, e cubre aqueles gastos en alimentos realizados durante este 2025 (en ningún caso se subvencionan bebidas alcólicas ou adozadas). A documentación necesaria para solicitar estas axudas pódese presentar a través da sede electrónica do Concello de Barbadás (barbadas.sedelectronica.gal) ata o 12 de agosto.   

Novas

CONTENT.1770879585

SINGLE.1770879585