27/02/2024
O Concello de Barbadás e SEA traballan para dar impulso ao parque empresarial de Barbadás
O parque empresarial de Barbadás terá unha situación privilexiada que o converterá en reclamo para as empresas. Emprazarase ao carón da estrada OU-540, a escasos dous quilómetros da autovía e a só dúas horas de Madrid e este valor engadido trasladouse esta mañá á xerente de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo, que mantivo unha reunión na Casa Consistorial co alcalde, Xosé Carlos Valcárcel; coa tenente de alcalde, Victoria Morenza; e co concelleiro de Promoción Económica, José Manuel Morgade. Seguidamente, trasladáronse a visitar os terreos nos que se plantexa a construción do polígono.
Ademais das súas boas comunicacións, o Concello de Barbadás conta cun Plan de Urbanismo con solo dispoñible e traballarase con SEA para dar impulso a un parque industrial moi demandado e que dinamizará a economía da zona. A reunión que se celebrou esta mañá puxo en valor a actuación e así o explicou o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel: “Con este encontro damos un paso adiante no proxecto para a construción deste polígono, que revalorizará Barbadás a nivel empresarial e reforzará a súa actividade económica”. O rexedor tamén insistiu na situación estratéxica na que se emprazarán as instalacións, moi demandadas polo sector empresarial.
Neste mesma liña pronunciouse o concelleiro de Promoción Económica, José Manuel Morgade: “Seguiremos traballando para facer realidade este proxecto do parque industrial de Barbadás, que regularizará a situación das empresas da zona e xerará solo industrial no que poderán instalarse novas firmas que dinamizarán a economía da zona”.
Espazos verdes de uso público
Tal e como se contempla no proxecto para a construción do parque empresarial, o acceso emprazarase ao sureste, nas proximidades do enlace existente da estrada OU-540 coa vía municipal. Para facilitar a mobilidade permitindo os xiros á esquerda, este enlace transformarase nunha glorieta que permitirá o acceso ao polígono. Os percorridos organizaranse, por un lado, a través da vía municipal norte e a través da vía de servizo da estrada autonómica, que se transforma nunha vía de dobre sentido.
Está previsto reservar máis dun 20 % da superficie para espazos verdes de uso público, preservando os fragmentos de frondosas existentes. Os espazos libres localízanse en dúas zonas: unha zona verde no sureste, no entorno do río. Coa vexetación da zona verde crearase unha barreira visual dende o enlace da estrada autonómica. A outra zona verde, de maior superficie, sitúase na zona noroeste. Esta última percorre todo o perímetro e este localízase nas zonas máis elevadas e con maior vexetación autóctona co fin de preservala. Conectarase coa nova vía a través de percorridos peonís.