25/08/2025
O Concello de Barbadás enxalza a solidariedade da veciñanza: a taxa de doazón de sangue do municipio supera a media galega
- O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, pón en valor a elevada colaboración veciñal durante todo o ano, incluído o verán, no que habitualmente a participación descende
- A taxa de doazón en Barbadás é a novena máis alta de Ourense
- A unidade móbil de ADOS fará parada na Valenzá o martes 2 de setembro
O Concello de Barbadás pón en valor a solidariedade da poboación, que cada ano convirte Barbadás nun dos municipios con maior taxa de doazóns de sangue de toda a provincia. As aportacións das veciñas e veciños logran que, actualmente, Barbadás goce dunha taxa de doazóns superior á galega, con 40 doazóns por cada 1.000 habitantes.
O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, agradece a elevada participación cidadá, durante todo o ano, incluído o verán, no que as aportacións descenden. Nesa liña, recorda que os hospitais galegos seguen precisando doazóns nas vacacións estivais para tratar as enfermidades dos pacientes. “Quero poñer en valor a solidariedade da nosa veciñanza, que fai posible que sexamos o noveno concello con maior taxa de toda a provincia de Ourense e que a nosa taxa de doazón estea dentro da recomendación da OMS”, apunta.
Valcárcel anima á poboación a sumarse á campaña de concienciación actual de ADOS, “Non esquezas doar antes de veranear”. A unidade móbil estará na Valenzá o martes 2 de setembro no número 72 da avenida de Celanova, na Valenzá. O horario incluirá a mañá (de 9,30 a 14,30 horas) e a tarde (15,30 a 21,00 horas).