24/07/2025

O Concello de Barbadás finaliza a primeira gran actuación do proxecto de rehabilitación do local social de Sobrado do Bispo

Local social Sobrado
  • O goberno local investiu 151.957 euros na fase inicial da intervención, que incluíu a reforma integral da fachada e dos sistemas de fontanería e iluminación, así como a mellora da accesibilidade
  • “Esta actuación está enmarcada no afán do Concello por recuperar edificios emblemáticos para destinalos a un fin social, educativo e cultural”, explica Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás
  • O segundo paso do proxecto consiste na instalación dunha soleira ventilada que protexa o inmoble da humidade e na colocación dun chan de madeira

O Concello de Barbadás vén de rematar a primeira gran actuación do proxecto de rehabilitación do local social de Sobrado do Bispo, situado na rúa da Granxa. A intervención, orzamentada en 151.957 euros, completarase coa instalación dunha soleira ventilada e dun chan de madeira.

“O local foi a antiga escola de Sobrado, polo que é un edificio emblemático para a localidade. Este proxecto, por tanto, enmárcase no afán do Concello por recuperar edificios emblemáticos para destinalos a un fin social, educativo e cultural”, explica Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás. A tenente alcalde e concelleira de Obras, Victoria Morenza, destaca a importancia desta rehabilitación que converte “un edificio case residual nun local coas condicións óptimas para ser empregado en diferentes actividades”. 

A fase inicial da actuación incluíu a renovación da cuberta, a substitución parcial da estrutura soporte, o cambio das carpinterías, cámaras e illamento das fachadas e a modernización das instalacións de fontanaría, saneamento, electricidade, iluminación e ventilación. “O edificio está perfectamente insonorizado e iluminado, construíronse baños óptimos, permítese a entrada pola parte traseira…”, desgrana Morenza.

A intervención permitiu a mellora da accesibilidade do edificio, que data de 1920. Así, modificouse o acceso na fachada nordeste, construíuse unha nova escaleira e creouse un espazo de descanso como antesala do edificio para protexer aos usuarios do centro do tráfico rodado. Ademais, a fachada recuperou o seu aspecto orixinal cos encintados tipo rústicos. 

O centro convertirase nun punto de encontro dos veciños e veciñas de Sobrado, onde non só acudir para socializar ou ler prensa, senón tamén para realizar actividades de diversa índole (desde promoción da vida activa ate alfabetización informática). “O local vai ser utilizado tamén por agrupacións como a Coral Voces e Cordes, emblemática en Sobrado, que o ano que vén celebra o seu 40 aniversario”, apunta o alcalde. 

A actuación completarase coa instalación dunha soleira ventilada, que protexerá o edificio da humidade, e coa colocación dun chan de madeira. 

Novas, Urbanismo

CONTENT.1770879715

SINGLE.1770879715