27/09/2023
O Concello de Barbadás fomenta os valores do emprendemento entre a xuventude co desfile de Josu Santos

Xa o destacou o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel: “Barbadás ten moita poboación nova con inquedanzas innovadoras”. O deseñador Josu Santos é un dos exemplos de que a mocidade ten moito que ofrecer e o Concello fai unha gran aposta polo seu talento ao promover un desfile de moda no que dará a coñecer as súas creacións. O evento terá lugar mañá, a partir das 20.30 horas na Casa da Mocidade.
Precisamente potenciar a programación deste centro no que se reúne a xuventude é outro dos obxectivos que se persegue co desfile e así o afirmou o rexedor: “Pretendemos potenciar a Casa da Mocidade con actividades que enganchen aos mozos e mozas e enfocadas a todo tipo de sensibilidades. Ao mesmo tempo facemos unha aposta transversal para dar a coñecer valores vencellados ao emprendemento e por parte de veciños e veciñas de Barbadás que cren neste concello, como Josu Santos”.
Tal e como explicou o deseñador, no desfile presentará unha vintena de creacións nas que destacará o encaixe de Camariñas e diferentes texturas “nun gran abano de corpos diferentes porque todos merecemos subirnos á pasarela nalgún momento”. Asegura que os seus deseños falan por si mesmos e anima a toda a poboación a coñecelos.
Josu Santos xa ofreceu desfiles no seu pobo, Sobrado do Bispo, causando gran expectación entre os veciños e veciñas ata converterse nun dos principais atractivos das festas parroquiais.