03/02/2026

O Concello de Barbadás incorporará no verán un novo axente de Policía Local que xa está formándose na Academia Galega

  • Realizará as prácticas nos meses estivais e sumarase definitivamente ao cadro de persoal en outono
  • O procedemento administrativo para a segunda praza xa está aberto a través da modalidade de mobilidade

O Concello de Barbadás incorporará a dous axentes de Policía Local ao longo deste 2026 para reforzar o actual cadro de persoal e a seguridade da poboación. Un dos dous axentes, que xa está formándose na Academia Galega de Seguridade, realizará as prácticas en Barbadás nos meses de verán para incorporarse definitivamente á xefatura nos meses de outono. Así o anunciou Daniel Rey, tenente de alcalde e concelleiro de Emerxencias, no pleno ordinario deste luns. 

Pola súa parte, a segunda praza cubrirase mediante a modalidade de mobilidade. “O procedemento administrativo xa está aberto, non sabemos canto se pode demorar, pero en canto se resolva teremos ao segundo novo axente da Policía Local”, detallou Rey durante a sesión plenaria. 

A chegada dos dous novos traballadores súmase á aposta do goberno local por reforzar os medios persoais e técnicos da xefatura. Nos últimos meses, o Concello de Barbadás renovou a frota da Policía con dous novos vehículos que facilitan os desprazamentos en perímetros urbanos e rurais, así como as tarefas de vixilancia. 

Preto de 148.000 euros para o SAF en 2024

O goberno local tamén deu conta na sesión plenaria do custo do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para as arcas municipais e sinalou a posibilidade de denunciar á comunidade autónoma ou ao ministerio correspondente por non facerse cargo do 100% do servizo. “Estamos vendo a posibilidade de presentar unha demanda conforme ao que nos indiquen os asesores xurídicos”, asegurou Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás. 

Nesa liña, detallou o gasto do SAF durante 2024. Dos 348.307,25 euros que custou o servizo, o Concello de Barbadás tivo que aportar preto de 148.000 euros. “Desde o goberno imos loitar pola vía xudicial para que os veciños e veciñas de Barbadás teñan melloras na atención a domicilio”, apuntou o rexedor. 

Plan EDIL

No pleno tamén se abordou o Plan EDIL (Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local) que supón un investimento de 7,2 millóns de euros a repartir entre Barbadás, Pereiro de Aguiar e San Cibrao das Viñas. O alcalde detallou a prioridade do proxecto: a senda peonil entre A Valenzá e Pontón, que conectará Barbadás con San Cibrao. Tamén apuntou a mellora da accesibilidade do centro de saúde da Valenzá ou a cobertura da pista da Solaina, entre outras actuacións. 

Respecto á intervención no entorno do centro de saúde, Xosé Carlos Valcárcel informou de que a Deputación está a avaliar a mellor opción para salvar a pendente. “Están analizando se é mellor o elevador ou unha rampla”, explicou. 

Proxectos en marcha

O tenente alcalde, Daniel Rey, tamén informou de proxectos que xa están en marcha no Concello de Barbadás, tales como a colaboración da Deputación para mantemento de zonas verdes e reparacións de pavimentos, o convenio con Seaga para a limpeza de vías de titularidade municipal ou a mellora do abastecemento na urbanización Vaamonde por parte da empresa Veolia (antiga Viaqua). 

Na mesma liña, informou da solicitude ante Agader da reparación da escola vella de Piñor, o lavadoiro de Godexás, o lavadoiro de Fonte do Bispo e dun camiño peonil entre Parada e As Lamas. “Tamén estamos traballando para sacar un contrato para a reparación urxente de fochancas causadas pola climatoloxía adversa destas semanas”, indicou Rey. 

Novas

CONTENT.1773480266

SINGLE.1773480266