22/09/2025
O Concello de Barbadás inicia a última fase da rehabilitación integral do local social de Sobrado do Bispo

- O goberno local destinou preto de 30.000 euros á segunda fase da intervención, que xunto coa primeira parte eleva a máis de 180.000 o investimento total
- “Coa instalación da soleira culmínase a restauración integral e revitalización dun edificio senlleiro que apenas se utilizaba ata o de agora”, apunta Victoria Morenza, tenente alcalde e concelleira de Obras
O Concello de Barbadás vén de iniciar as obras de colocación dunha soleira ventilada no local social de Sobrado do Bispo, situado na rúa da Granxa. A actuación, valorada en preto de 30.000 euros, completará o proxecto de rehabilitación integral do edificio, antiga escola da localidade. “Coa soleira ventilada culmínase a restauración dun edificio senlleiro que apenas se utilizaba ata o de agora, só como local electoral e local de ensaio, e ao que se lle vai dar un maior uso educativo, social e cultural”, explica Victoria Morenza, tenente alcalde e concelleira de Obras.
A primeira fase da intervención rematou a finais de xullo, e incluíu a renovación da cuberta, a substitución parcial da estrutura de soporte, o cambio das carpintarías, cámaras e illamento das fachadas e a modernización da fontanaría, saneamento, electricidade, iluminación e ventilación. O goberno local destinou 151.957 euros na primeira parte da intervención, que xunto aos preto de 30.000 euros da segunda fase sitúa en máis de 180.000 euros o total do investimento municipal.
Victoria Morenza destaca a importancia desta rehabilitación integral, xa que vai permitir que as numerosas asociacións veciñais e culturais de Sobrado poidan utilizar e encher de vida un edificio tan querido pola poboación. Esta segunda fase fará que o local, que data de 1920 segundo os datos do catastro, goce dun sistema de aireación adecuado. “A ventilación será moderna, como a dun edificio de nova construción”, apunta Morenza.