26/11/2025
O Concello de Barbadás inicia as melloras nos accesos á Valenzá vella

- A intervención, valorada en 64.000 euros, enmárcase no Plan de Obras deste 2025
O Concello de Barbadás vén de iniciar as obras de rehabilitación dos accesos á Valenzá vella desde a avenida de Celanova, unha intervención que mellorará a seguridade e accesibilidade viaria, así como a mobilidade de péons e vehículos. O proxecto, valorado en 64.000 euros, está enmarcado no Plan de Obras deste 2025, no que o goberno local inviste un total de 1,1 millóns de euros.
A actuación modernizará os accesos ao barrio e adaptará calzadas e beirarrúas aos estándares actuais de accesibilidade universal, favorecendo un espazo urbano máis seguro e inclusivo para toda a veciñanza, en especial para persoas con mobilidade reducida, maiores e familias con bebés.
Deste xeito, o proxecto inclúe a renovación e ampliación de beirarrúas para favorecer un tránsito máis cómodo e seguro, a incorporación de pavimento podotáctil para persoas con visibilidade reducida, a adaptación dos rebaixes de bordos nos pasos de peóns, a mellora da sinalización horizontal e da iluminación, a reordenación de mobiliario urbano que actualmente dificulta o paso ou a reposición de elementos deteriorados.
Victoria Morenza, tenente alcalde e concelleira de Obras, pon en valor a intervención, “que mellorará notablemente a mobilidade de peóns e vehículos, así como a seguridade viaria da Valenzá Vella”. Morenza resalta a importancia de adaptarse aos estándares actuais de accesibilidade garantindo un “itinerario peonil continuo e libre de barreiras”. Por outra banda, a concelleira recorda que é unha zona moi frecuentada, polo que a intervención redundará nunha notable mellora da calidade de vida da veciñanza.