15/08/2025
O Concello de Barbadás inviste 82.000 euros na rehabilitación da pista entre Santa Uxía e Reza

O Concello de Barbadás vén de adxudicar por 82.003,72 euros a obra de rehabilitación de firme da pista que une o núcleo de Santa Uxía con Reza. A intervención, que consiste no acondicionamento e mellora da estrada, será levada a cabo pola empresa Obras e Saneamientos Galicia.
A actuación inclúe desbroce e retirada de vexetación e material solto nas marxes do camiño, limpeza do pavimento existente, ensanche dun primeiro tramo de 50 metros, colocación dunha canalización de drenaxe de augas pluviais, ampliación da plataforma da pista, rexeneración do firme existente e pintado de marcas viarias, entre outras melloras. A superficie aproximada conxunta da intervención é de 6.097 m².
O Concello de Barbadás reforza con esta obra a súa aposta por dotar aos núcleos do municipio do equipamento mínimo de infraestructuras, logrando así o aumento da calidade de vida dos seus habitantes e a mellora das condicións medioambientais destes núcleos. “Queremos atender as necesidades de todos os núcleos. Neste caso, Santa Uxía é un dos de menor poboación de todo o concello, e queremos apostar pola recuperación do rural fomentando a mobilidade”, apunta Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás.
O rexedor pon en valor a localización da aldea, que goza de vistas panorámicas sobre o río Miño, “o que debería favorecer, xunto con esta actuación, a implantación de nova poboación”.