05/09/2025
O Concello de Barbadás lanza unha iniciativa para potenciar a un tempo a actividade deportiva e a aprendizaxe de linguas estranxeiras

- “O afán é potenciar non só o deporte, senón tamén a educación entre a nosa mocidade”, apunta Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás
- Os preto de 400 nenos e nenas inscritas nas escolas deportivas poderán desfrutar de matrícula gratuíta e 10% de desconto na mensualidade na primeira academia colaboradora deste proxecto
O Concello de Barbadás aposta polo fomento da formación e dos hábitos saudables entre as novas xeracións. Nesa liña, o goberno local lanza unha iniciativa para potenciar a actividade deportiva e a aprendizaxe de linguas estranxeiras. Así, os preto de 400 nenos e nenas inscritos nas escolas deportivas de Barbadás desfrutarán de matrícula gratuíta e 10% de desconto na mensualidade na primeira academia colaboradora da iniciativa, Intensive Learning.
“O afán do Concello é potenciar non só o deporte, senón tamén a educación entre a nosa mocidade, queremos que os nenos e nenas das escolas deportivas potencien o coñecemento de linguas estranxeiras como o inglés”, apunta Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás, que convida ás familias a sumarse ao proxecto.
Lois Babarro, director de Intensive Learning, a primeira academia en sumarse a esta iniciativa, agradece a colaboración do Concello e pón en valor a proposta. “Só houbo facilidades desde o primeiro día que instalamos a empresa neste concello. Cremos que xuntar deporte e educación é moi importante”.
Xosé Carlos Valcárcel, Lois Babarro e Noemí Pintos, concelleira de Deportes, asinaron este xoves o convenio de colaboración para poñer en marcha a iniciativa que, esperan, teña boa acollida por parte das familias de Barbadás e que se suman outras academias con presenza no municipio. Neste sentido, o Concello lanza una invitación ao resto de academias de linguas estranxeiras de Barbadás para sumarse ao proxecto e formar parte desta nova fórmula educativa.