21/01/2026
O Concello de Barbadás marca os obxectivos deste 2026 en materia de benestar animal

O tenente alcalde de Barbadás, Daniel Rey, reuniuse esta semana con parte do voluntariado do programa CER (Captura, Esterilización, Retorno) de colonias felinas do municipio. O encontro permitiu fixar os obxectivos deste 2026 ao mesmo tempo que escoitar as demandas e necesidades do equipo.
A Tenencia de Alcaldía, a través das áreas de Emerxencias e Protección Civil e Medio Ambiente, coordina a preto de 20 voluntarios e voluntarias de diversas asociacións protectoras, que se encargan de proporcionar alimento, esterilización e atención veterinaria ás colonias de gatos. Cabe destacar que a normativa sobre protección animal obriga aos concellos a xestionar as colonias felinas para garantir unhas boas condicións de vida.
O tenente alcalde pon en valor a “importante labor” realizada polo voluntariado e pide colaboración ao resto da poboación. “A veciñanza debe respetalos e axudalos, están facendo unha labor altruísta en prol do benestar animal e do cumprimento da lexislación”, asegura Rey.