10/11/2025
O Concello de Barbadás mellora a seguridade viaria e a accesibilidade do camiño da Moura de Arriba

- A vía, que une os núcleos de Barbadás e Sobrado, é moi transitada por vehículos e peóns
O Concello de Barbadás iniciará nos próximos días as obras de mellora do camiño da Moura de Arriba, unha vía que une os núcleos de Barbadás e Sobrado e polo que transitan numerosos vehículos e peóns. A intervención, enmarcada no Plan Camiña Rural 2025-2026 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), supón un investimento de máis de 53.000 euros e conta cun prazo de execución de 3 meses.
A tenente alcalde e concelleira de Obras, Victoria Morenza, destaca o esforzo do Concello de Barbadás por mellorar as infraestruturas rurais e facilitar o acceso ás explotacións agrícolas e ás vivendas situadas nas parroquias do municipio. “O camiño da Moura de Arriba é unha vía fundamental para comunicar Barbadás e Sobrado: é unha zona moi transitada que se atopaba nun estado bastante complicado para a seguridade viaria”, explica.
As obras abranguen un tramo de 511 metros, nos que se actuará sobre firme, cunetas e sinalización. Deste xeito, aplicarase unha nova capa de aglomerado para corrixir as irregularidades actuais e mellorar a resistencia da vía; levarase a cabo a limpeza das cunetas para favorecer a drenaxe da auga; desbrozarase a vexetación dos laterais do camiño para garantir unha boa visibilidade; axustaranse en altura os tres pozos existentes na zona, e instalarase nova sinalización vertical e horizontal.