29/10/2025
O Concello de Barbadás realizará melloras na rede de saneamento e renovará colectores para evitar posibles infiltracións e fugas
- O goberno municipal vén de recibir os resultados da auditoría solicitada para coñecer o estado da rede
- Entre as intervencións destaca a mellora da rede de pluviais en Piñor e Parada, o cambio de varios colectores na Valenzá ou as reparacións de fosas en Sobrado
O Concello de Barbadás levará a cabo nos próximos meses melloras de calado na rede de saneamento municipal para evitar posibles infiltracións e fugas e optimizar os recursos. O goberno local implementa estas actuacións despois de recibir os resultados da auditoría solicitada cunha subvención autonómica para coñecer o estado da rede municipal. “Con este tipo de auditorías detéctanse cales son as necesidades nas que temos que traballar. Ademais de facela na rede de saneamento, xa temos feito análises do abastecemento ou da rede de iluminación pública para mellorar os nosos servizos”, apunta o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel.
Cabe destacar que a rede de Barbadás é antiga na súa maior parte, executada en formigón, fibrocemento e PVC na súa totalidade, o que facilita infiltracións na rede desde o exterior. A análise permitiu identificar aqueles puntos nos que é preciso actuar, tanto para poñer solución a fugas detectadas como para evitar que sucedan no futuro. “Trátase de mellorar unha infraestrutura tan básica como é a rede de saneamento, actualizala e minimizar o impacto ambiental dos posibles defectos”, resalta Victoria Morenza, tenente alcalde e concelleira de Obras.
Entre as intervencións destaca a mellora da rede de pluviais en Piñor e Parada, a ampliación da rúa do Viso, reparacións en fosas de Sobrado, actuacións nas conexións da rúa de Abaixo en Bentraces, cambio do colector na avenida de Celanova desde o cruce coa rúa Altamira ata o cruce coa rúa Burgas ou a renovación dun colector na rúa Guerrera.