26/10/2026
O Concello de Barbadás recibe 58.012,80 € da Xunta de Galicia e do FEDER para mellorar a xestión dos residuos municipais

Recollida separada de biorresiduos · Punto limpo móbil · Dixitalización do servizo de residuos
O Concello de Barbadás resultou beneficiario de tres axudas da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, convocadas pola Orde do 15 de xaneiro de 2026 para o financiamento de actuacións dirixidas a incrementar a ecoeficiencia na xestión dos residuos de competencia municipal (procedemento MT975X) e cofinanciadas nun 60 % pola Unión Europea no marco do programa Galicia FEDER 2021-2027. O importe total concedido ascende a 58.012,80 euros.
As actuacións subvencionadas son as seguintes:
- Liña 1 · Recollida separada de biorresiduos (exp. EELL-0106-2026-RES): 29.303,50 €. Campañas de sensibilización e acompañamento dirixidas ás familias e aos grandes xeradores (hostalaría, comercio e centros públicos) e subministración de contedores intelixentes para a recollida separada dos biorresiduos (contedor marrón), para que os restos de comida e de horta deixen de ir á fracción resto e se valoricen como compost.
- Liña 6 · Punto limpo móbil (exp. EELL-0109-2026-RES): 13.709,30 €. Adquisición dun punto limpo móbil, un vehículo equipado que percorrerá as parroquias e núcleos do municipio para achegar á veciñanza a recollida separada de residuos especiais (aceite, pilas, pequenos aparellos eléctricos, lámpadas, téxtil, envases de produtos perigosos, etc.).
- Liña 7 · Dixitalización do servizo de residuos (exp. EELL-0108-2026-RES): 15.000,00 €. Elaboración dun inventario xeolocalizado de todos os contedores e puntos de achega do municipio, un estudo técnico do funcionamento e saturación do servizo e unha análise dos custos reais por fracción, que servirán de base para avanzar cara a unha taxa de residuos máis xusta e axustada ao custo real do servizo.
O obxectivo principal destas axudas é ampliar a capacidade de xestión de residuos municipais e o resultado que se pretende acadar é aumentar a cantidade de residuos que se recollen de xeito selectivo, en liña cos obxectivos do Plan de Xestión de Residuos Municipais de Galicia 2030 e da Lei 7/2022 de residuos e solos contaminados para unha economía circular.
As actuacións executaranse ao longo de 2026. O Concello de Barbadás pide a colaboración da veciñanza para facer un bo uso dos novos servizos, dos que se irá informando a medida que entren en funcionamento.
Actuación cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Galicia FEDER 2021-2027 (taxa de cofinanciamento do 60 %) e pola Xunta de Galicia, Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
