04/11/2025

O Concello de Barbadás reclama á Xunta un maior financiamento para as asociacións de discapacidade intelectual

  • O pleno aprobou a moción presentada por PSdeG e DO en apoio ás reivindicacións de Fadenga e Aedigal

O Concello de Barbadás reclama á Xunta un maior financiamento para as asociacións e entidades de discapacidade intelectual, que levan a cabo unha labor clave no acompañamento, asesoramento e inclusión das persoas afectadas. PSdeG e DO presentaron na sesión plenaria ordinaria deste luns unha moción para adherirse ás reivindicacións de Fademga Plena inclusión Galicia e Asociación Empresarial para a Discapacidade Intelectual e o Desenrolo de Galicia (Aedigal), que alertan do posible peche de centros en toda Galicia debido ao infrafinanciamento das entidades sociais.  

A concelleira de Servizos Sociais, Elisabet González, puxo en valor o traballo que desempeñan diariamente colectivos e asociacións tales como o Centro Ocupacional As Burgas da Valenzá, que conta con máis de 80 persoas usuarias. A edila lamentou a falta de colaboración por parte da administración autonómica, a quen pediu iniciar unha mesa de negociación con Fademga e Aedigal para abordar o tema e buscar solucións. “A responsabilidade de corrixir esta situación recae directamente na Xunta e na Consellería de Política Social”, resaltou. A moción foi aprobada cos votos a favor de PSdeG, DO, Partido Galego e BNG, e cos votos en contra do Partido Popular. 

Transporte metropolitano

O pleno aprobou por unanimidade a moción presentada polo BNG sobre o transporte metropolitano, unha demanda histórica de Barbadás e do resto de concellos da comarca ourensá. A tenente alcalde e concelleira de Mobilidade, Victoria Morenza, deu conta da actual situación do comité de transporte, constituído pola Deputación. “Non ten sentido que sexa a Deputación quen o lidera, xa que é unha competencia da Xunta”, sinalou. 

Morenza detallou as propostas do Concello de Barbadás ao comité, tales como a extensión da liña de transporte urbano do Concello de Ourense ata o Hospital de Piñor, o incremento das frecuencias dos servizos prestados no rural (Loiro, Bentraces, Sobrado, Barbadás, Piñor e Parada) ou a creación dunha liña que una San Lourenzo de Piñor e Parada coa Valenzá. Porén, a tenente alcalde lamentou que o comité non sexa un órgano competente para tomar decisións, e instou de novo á Xunta a liderar o proceso, o que permitiría avanzar no proxecto. 

O pleno tamén aprobou unha moción do PP para apoiar aos autónomos e á economía local, así como unha moción do BNG sobre o reforzo dos servizos públicos adicados á loita contra a violencia de xénero. Por outra banda, a corporación deu luz verde á modificación da ordenanza fiscal número 6 reguladora da taxa pola prestación de abastecemento de auga potable.

Novas

CONTENT.1772776550

SINGLE.1772776550