18/09/2025

O Concello de Barbadás recupera a Carreira Popular A Valenzá, que conta xa con máis de 300 inscritos

Presentación Carreira
  • “Retomámola despois de oito anos, polo que é un motivo de ledicia para toda a contorna, xa que a práctica do deporte é sempre interesante e motivadora”, apunta o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel
  • A actividade conta con tres categorías adaptadas aos diferentes tramos de idades (biberón, escolar e adultos)

O Concello de Barbadás reforza o seu compromiso co exercicio físico e a vida saudable coa recuperación da Carreira Popular A Valenzá despois de oito anos. “Retomámola despois de oito anos, polo que é un motivo de ledicia para toda a contorna, xa que a práctica do deporte é sempre interesante e motivadora”, apuntou esta mañá o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, na presentación da cita deportiva. 

A proba, que se levará a cabo este domingo 21 de setembro, enmárcase dentro das actividades organizadas polo Concello para a Semana Europea da Mobilidade. Polo de agora, xa hai máis de 300 participantes. O prazo remata ás 23,59 horas de hoxe, e a inscrición pódese formalizar a través da páxina web Sportmaniacs.

A concelleira de Deportes, Noemí Pintos, detallou as diferentes categorías, adaptadas a todas as idades. “Teremos os biberóns, menores de seis anos, os escolares, para nenos e nenas de 6 a 17 anos, e os adultos”, explicou. Cada categoría ten horario e distancia distintos. Os biberóns saen ás 10,30 horas desde a piscina municipal cun percorrido de 200 metros; os escolares, ás 10,40 horas do Paseo dos Amieiros cun percorrido de 2,4 kilómetros, e os adultos, ás 11,00 horas, con opción de 5 kilómetros ou 10 kilómetros. Os participantes recibirán agasallos especiais: os adultos, unha camiseta, e os pequenos, unha medalla. A zona de saída é o entorno da Pista Multideporte, que despois dun ano desde a súa inauguración é xa un referente da práctica de exercicio físico. 

A Carreira Popular A Valenzá é a terceira carreira impulsadas este ano desde a Concellería de Deportes, xunto coa Carreira pola Igualdade e a Cavernícola Race. Diego López, técnico municipal, convidou á poboación a sumarse á cita deste domingo: “Que veñan e desfruten da oferta deportiva”. 

Deportes, Novas

CONTENT.1770463132

SINGLE.1770463132