11/09/2024
O Concello de Barbadás reforma o acceso ao núcleo de Pontón para mellorar a accesibilidade e a competitividade agraria
Mellorar as condicións de vida e traballo no rural. Este foi o obxectivo da actuación levada a cabo polo Concello de Barbadás e financiada pola Unión Europea a través do Plan Estratégico da PAC que permitiu a reforma do acceso ao núcleo de Pontón para mellorar a accesibilidade e a mobilidade de peóns, vehículos e maquinaria.
O orzamento da actuación ascendeu a un total de 55.000 euros e as obras, xa rematadas, mellorarán a competitividade agraria e forestal facilitando o tránsito de maquinaria ás explotacións.
Tal e como explicou o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, “con estas obras o Concello de Barbadás mantén a liña de traballo dos últimos anos que promove a mellora das infraestruturas rurais para xerar cohesión social e territorial, ao mesmo tempo que se melloran as condicións de vida e traballo no medio rural”.
A concelleira de Urbanismo, Victoria Morenza, subliñou que os camiños emprazados nas áreas rurais facilitan a vertebración do territorios e que as obras como as que se veñen de realizar en Barbadás, “favorecen as operacións agrarias e a redución dos costes e tempos para poñer os produtos no mercado”.
Os traballos consistiron na ampliación mediante a limpeza e retirada de vexetación e a mellora co reforzo do firme existente dun tramo dun camiño de titularidade municipal que permite o acceso ao núcleo do Pontón.