27/03/2026

O Concello de Barbadás reforza o seu compromiso coa conciliación cun campamento de verán con 240 prazas cada quincena de xullo e agosto

Campamento Barbadás Concilia
  • O programa levarase a cabo de luns a venres, de 9,00 a 14,00 horas, en 11 vilas do municipio

O Concello de Barbadás reforza o seu compromiso coa conciliación familiar cun campamento de verán durante os meses de xullo e agosto. A Concellería de Educación lanza a convocatoria do Barbadás Concilia Verán cun total de 240 prazas cada quincena, distribuídas entre 11 vilas distintas do municipio. “Desde o Concello sabemos da necesidade de conciliar, sobre todo durante os meses de verán, polo que facemos un esforzo importante para que un bo número de familias poida acceder a este servizo”, apunta Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás.

O programa levarase a cabo na Valenzá, en Barbadás, As Lamas, Piñor, Sobrado, Bentraces, Parada, Loiro, Finca Fierro, Fonsillón e Santa Uxía. No caso da Valenzá, haberá dúas quendas cada quincena, debido á elevada demanda. O campamento inclúe actividades lúdicas variadas, que se desenvolverán de luns a venres en horario de 8,00 a 14,00 horas. 

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o día 10 de abril, e as solicitudes poderán entregarse a través da sede electrónica do Concello de Barbadás ou de forma presencial no rexistro municipal (Casa Consistorial ou oficinas municipais da Valenzá). O campamento está dirixido unicamente a nenos e nenas nacidos entre 2014 e 2022. O custo da praza é de 20 euros por menor e quenda solicitada. 

O Concello publicará a lista provisional de admitidos o 20 de abril, a continuación abrirase o prazo para o pago do servizo ata o 5 de maio e o 8 de maio darase a coñecer o listado definitivo. 

Novas

CONTENT.1776283231

SINGLE.1776283231