12/08/2025
O Concello de Barbadás remata a instalación dunha estación de bombeo en Piñor para evitar o uso de fosas sépticas

O Concello de Barbadás vén de rematar a instalación dunha estación de bombeo na rúa Travesía de Piñor co obxectivo de evitar o uso de fosas sépticas e adaptarse aos requisitos medioambientais. “Este tipo de intervencións xa se levaron a cabo noutros lugares como Sobrado, na zona do Outeiriño, e se seguirán facendo”, explica Victoria Morenza, tenente alcalde e concelleira de Servizos Públicos.
Morenza dá conta do importante avance que supón a estación de bombeo para a depuración de augas en Piñor, xa que era “un dos poucos lugares que quedaban sen saneamento”.
Pola súa parte, o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, tamén destaca os beneficios desta intervención: “É un avance medioambiental que tamén levaremos a cabo noutros lugares do municipio en base ao cumplimento da lexislación e á optimización dos recursos medioambientais”.
A instalación da estación de bombeo foi unha das obras incluídas polo Concello de Barbadás no Plan Provincial.