28/10/2025

O Concello de Barbadás remata a rehabilitación integral do local social de Sobrado

Local social Sobrado
  • O goberno local destinou máis de 180.000 euros para a actuación, que incluíu a renovación da cuberta, o cambio das carpintarías, cámaras e illamento, o novo chan, a soleira ventilada ou a construción de baños no interior
  • “Agora é un local moi luminoso, moi amplo, que vai ser multiusos e no que pode haber todo tipo de eventos”, apunta Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás

O Concello de Barbadás vén de rematar a renovación integral do local social de Sobrado do Bispo, situado na rúa da Granxa. A intervención municipal, de máis de 180.000 euros, supón a completa modernización do edificio, antiga escola da localidade. Así, a rehabilitación incluíu a renovación da cuberta, a substitución parcial da estrutura do soporte, o cambio das carpintarías, cámaras e illamento das fachadas, a modernización da fontanaría, saneamento, electricidade, iluminación e ventilación, a colocación dun novo chan, a construción de baños interiores e a instalación dunha soleira ventilada. 

A actuación permitiu devolver a vida a un edificio senlleiro que ata o de agora tiña un uso residual como local de ensaio. “Agora é un local moi luminoso, moi amplo, que vai ser multiusos e no que pode haber todo tipo de eventos”, apunta Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás. Así, o espazo conta cun novo acondicionamento acústico para evitar a reverberación do son, así como con carrís de focos no teito para futuras exposicións. 

O edificio, que data de 1920 segundo os datos do catastro, está completamente adaptado ás normativas actuais e goza de modernos sistemas de ventilación. “Ten un sistema que renova o aire automaticamente, o que favorece que haxa unha temperatura adecuada en todas as estacións do ano”, detalla Victoria Morenza, tenente alcalde e concelleira de Obras. Por outra banda, agora o local é accesible para persoas con mobilidade reducida, ao igual que os baños. “Tamén se instalou un sistema de ventilación do gas radón, adaptado á normativa galega”, destaca Xosé Carlos Valcárcel. 

O alcalde destaca a inversión municipal neste local, que xa pode ser utilizado polos veciñas e veciños, ao mesmo tempo que agradece a colaboración da poboación, que foi insistente en demandar a modernización do espazo.

Novas

CONTENT.1770943744

SINGLE.1770943744