08/08/2025
O Concello de Barbadás sancionou con preto de 30.000 euros á empresa adxudicataria do SAF e reclámalle á Xunta que se encargue da xestión do servizo
- O goberno local vén de concluír o segundo expediente sancionador á Osventos polos sucesivos incumprimentos no contrato e o importante detrimento da atención
O Concello de Barbadás vén de concluír o segundo expediente sancionador á empresa adxudicataria do Servizo de Atención no Fogar (SAF), Osventos, polos sucesivos incumprimentos do contrato e o importante detrimento da atención aos usuarios e usuarias. Meses despois da primeira sanción, de máis de 17.000 euros, o goberno local multa con 11.268 euros á concesionaria, que actualmente non está a cubrir nin as baixas nin as vacacións da plantilla, o que impide atender nas condicións adecuadas ás persoas vulnerables.
O primeiro expediente, de máis de 17.000 euros, correspóndese co período de execución do anterior contrato (a empresa tamén xestionou o SAF no período 2021-2024). Nese tempo, o Concello tamén enviou múltiples requerimentos á empresa para adecuarse as condicións estipuladas no contrato, sen que fosen acatados.
O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, asegura que a situación é “inadmisible” e por iso lle solicita á Xunta que se encargue da xestión do Servizo de Atención no Fogar. Nesta liña, o rexedor enviou este xoves unha carta a Política Social para solicitarlle a súa intervención en Barbadás e que asuma integramente o SAF. Valcárcel dá conta ante a Xunta das “reiteradas infraccións da empresa adxudicataria, as continuas faltas de obediencia aos requerimientos do Concello, as innumerables queixas dos usuarios e usuarias e o prexuízo que está a causar a empresa en persoas vulnerables”.
Neste sentido, o alcalde lamenta as sucesivas infraccións da empresa que realiza o servizo, Osventos, así como a falta de obediencia aos requerimentos do Concello, e pide desculpas á poboación afectada en nome da empresa, que está obrigada a cumprir as condicións estipuladas no contrato.
Esta mesma semana, o Concello de Arteixo tamén lle reclamou á Xunta que asuma a xestión do SAF despois das sucesivas infraccións por parte de Osventos, a mesma empresa.
Xosé Carlos Valcárcel lembra que a lei obriga á administración autonómica e á estatal a financiación do 100% da atención a domicilio, algo que non se cumpre en Barbadás (o Concello financia o 58,7% do SAF na actualidade). De feito, no ano 2024, o Concello de Barbadás investiu preto de 450.000 euros no SAF, cando Xunta e Goberno deberían cubrir integramente o custe do servizo. “Chegamos a esta situación polo incumprimento flagrante por parte da Xunta e do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 da normativa, o que imposibilita a este Concello a prestación adecuada do servizo”, recalca.