08/08/2025
O Concello de Barbadás solicítalle á Xunta que asuma a xestión íntegra do Servizo de Axuda no Fogar ante os sucesivos incumprimentos da empresa adxudicataria
- O goberno local remitiulle unha carta á Política Social este xoves para requerir a súa intervención tras o importante detrimento do servizo prestado por Osventos
- Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás, lembra a obrigatoriedade de Xunta e Goberno Central de financiar o 100% do custe
- Concellos como Arteixo, onde a atención a domicilio tamén está adxudicado a Osventos, tamén solicitan á xestión da Xunta
O Concello de Barbadás solicítalle á Xunta que asuma a xestión íntegra do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ante os sucesivos incumprimentos da empresa adxudicataria, Osventos, que derivaron nun importante detrimento da atención ás persoas vulnerables do municipio.
O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, enviou este xoves unha carta á Consellería de Política Social para expoñerlle a difícil situación do servizo tras os sucesivos incumprimentos de contrato por parte de Osventos e a falta de resposta ante os requerimentos do goberno municipal. “Queremos dar un bo servizo aos usuarios e usuarias, e agora mesmo, non é posible”, asegura o alcalde.
“As reiteradas infraccións, as continuas faltas de obediencia aos requerimentos, as innumerables queixas dos usuarios e usuarias, o prexuízo que están a causar en persoas especialmente vulnerables… Non podemos permitir que isto siga así”, reclama Valcárcel. Actualmente, a empresa non está cubrindo as baixas médicas e as vacacións do seu persoal, o que impide atender en condicións adecuadas aos usuarios e deteriora de forma notable a atención. A mala praxis de Osventos xa provocou a apertura dun expediente sancionador hai meses de máis de 17.000 euros por parte do Concello de Barbadás correspondente coa execución do anterior contrato (a empresa tamén xestionou o SAF no período 2021-2024), ademais de múltiples requerimentos para adecuarse as condicións estipuladas no contrato.
O alcalde lembra que a lei obriga á administración autonómica e á estatal a financiación do 100% da atención a domicilio, algo que non se cumpre en Barbadás (o Concello financia o 58,7% do SAF na actualidade). “Chegamos a esta situación polo incumprimento flagrante por parte da Xunta e do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 da normativa, o que imposibilita a este Concello a prestación adecuada do servizo”, recalca.
Así, Barbadás únese á petición de concellos galegos como Arteixo, quen tamén reclamou á Xunta esta mesma semana á xestión íntegra do SAF despois dos incumprimentos reiterados no contrato do servizo por parte da mesma empresas, Osventos.