07/08/2025

O Concello de Barbadás urxe a Telefónica a retirar “inmediatamente” un poste caído hai xa dous meses

  • A primeira comunicación foi o 16 de xuño e a compañía respondeu que incidencia xa fora trasladada á central, pero a situación é hoxe a mesma
  • Desde entón, o goberno local púxose en contacto en reiteradas ocasións coa compañía, que segue alegando que a incidencia “está trasladada”
  • A veciñanza tamén alertou ao 112 da situación de perigo, que deu conta das queixas a Telefónica
  • O goberno local non descarta iniciar algún outro tipo de acción si non se produce unha resposta inmediata, pois existe un perigo real para os peóns

O Concello de Barbadás solicitou xa o pasado 16 de xuño  a reparación inmediata do poste da rúa Escaleiras, na Valenzá, á dirección xeral de Galicia da compañía Telefónica. O poste vencera e supuña un perigo para viandantes e vehículos. A compañía respondeu tres días despois, o 19 de xuño, informando de que a petición xa fora trasladada aos operarios de zona. Hoxe, 2 meses despois, o poste ainda non foi reparado nin substituído, de feito, seguiu vencendo desde entón ata estar agora apoiado na fachada dun dos edificios da rúa, supoñendo cada vez un perigo maior. 

O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, púxose este mércores en contacto coa central de Telefónica en Galicia de novo, ante a situación de risco e a falta de solución. Desde a compañía asegurouse que a solicitude será atendida coa “maior prioridade posible” debido ao perigo para peóns e vehículos. “Lamentamos a desatención por parte de Telefónica en relación a esta situación tan perigosa que pode afectar a persoas e bens”, sinala o alcalde. Nesta liña, asegura que este tipo de situacións son comúns con todas as “grandes empresas” que sistematicamente desatenden aos concellos ao non facilitar un contacto directo para informar de incidencias. “No seu momento, o Concello de Barbadás xa aprobou unha moción solicitando un contacto directo das empresas”, explica Valcárcel. 

Cabe destacar que a rúa Escaleiras é unha zona de paso frecuente de viandantes que soben desde a zona do río ao núcleo da Valenzá, e tamén é un punto de aparcamento de numerosos vehículos. Desde xuño, o goberno local púxose en contacto en reiteradas ocasións coa compañía Telefónica, que segue alegando que a incidencia “está trasladada”. Ante a situación, o Concello acordoou o poste, pero ao tratarse dunha instalación de Telefónica, é a empresa quen está na obriga de reparala ou substituíla. 

Por outra parte, numerosos veciños deron conta da situación de risco de caída ao 112, quen deu conta das queixas e da situación a Telefónica, que segue sen resolver a incidencia. 

É por elo que o goberno local urxe por última vez a Telefónica a que enmende coa maior celeridade posible este problema, pois do contrario emprenderá outro tipo de acción.

Novas, Urbanismo

CONTENT.1770947482

SINGLE.1770947482