17/06/2024
O Concello denuncia os actos vandálicos no campo de fútbol dos Carrís e pide a revisión das cámaras para identificar aos culpables
O Concello de Barbadás toma medidas contra os actos vandálicos que se produciron na madrugada do domingo no campo de fútbol dos Carrís. Unha vez denunciados os feitos na Policía Local, solicitarase aos axentes da Garda Civil que revisen as cámaras instaladas ao longo da Valenzá para identificar aos culpables dos danos que pretendían a sabotaxe das cinco finais da Copa Deputación de fútbol 8.
Os vándalos actuaron de madrugada nas instalacións deportivas de Barbadás, rompendo unha decena de redes das porterías que se empregarían na competición do domingo pola mañá e danando as portas con silicona para impedir o uso das chaves.
O intenso traballo dos traballadores do Servizo Municipal de Deportes de Barbadás dende primeira hora da mañá permitiu que se puidesen desenvolver as cinco finais da Copa Deputación de fútbol 8 previstas. Substituíron as redes danadas antes de que comezasen os encontros e o concelleiro de Deportes, Cristian Rodríguez, agradece enormemente o seu esforzo: “Traballaron incluso en día de descanso para reparar os danos e substituír os materias en tempo récord, tamén grazas a que contamos con redes de reposto para calquera imprevisto”.
En canto ao custo económico dos actos vandálicos nas instalacións, calcúlase que ascende a preto de 1.500 euros. A investigación continúa en marcha para identificar aos culpables, xa que se cree que non foi unha soa persoa a que causou os incidentes.