25/06/2024
O Concello entregará 200 equipos de compostaxe para a xestión de residuos orgánicos e busca a implicación dos grandes produtores

A aposta do Concello de Barbadás polo desenvolvemento sostible volve a quedar patente. O Centro Empresarial de Barbadás acollerá mañá, 26 de xuño, unha sesión formativa sobre a compostaxe doméstica. Será a partir das 19.00 horas e finalizará coa entrega do material necesario (manual de compostaxe, composteiro e aireador) para levar a cabo a reciclaxe dos residuos orgánicos. Nesta ano 2024 entregaranse ao redor de 200 destes packs dirixidos a todos aqueles veciños e veciñas que conten cun terreo dun mínimo de 50 metros cadrados.
Todas as persoas que desexen recibir o seu equipo de compostaxe deben inscribirse previamente a través da web https://barbadas.rsu.gal/, reservando así o material. A iniciativa tamén incluirá un seguimento ao longo do ano 2024.
Ademais, no marco da campaña de implantación do colector marrón, dedicado á reciclaxe dos residuos orgánicos, o Concello de Barbadás levará a cabo unha serie de visitas aos grandes produtores da Valenzá do 24 ao 28 de xuño. Esta iniciativa ten como
obxectivo fomentar a correcta xestión dos residuos orgánicos e promover prácticas
sostibles entre os negocios da zona.
Durante estas visitas, os grandes produtores (cafeterías, restaurantes, hoteis, entre
outros) recibirán:
-Asesoramento especializado sobre a reciclaxe de residuos orgánicos.
-Un manual de reciclaxe con información detallada e consellos prácticos.
-Un caldeiro para facilitar a xestión dos restos de comida.
-Bolsas compostables indispensables para o uso correcto do colector marrón.
-Unha chave de apertura dos colectores marróns da rúa, destinada a limitar o
uso indebido dos mesmos.
Esta campaña conta coa financiación da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e do Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Goberno de España, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.
Máis información a través do teléfono 647 521 464 ou do correo residuos@barbadas.es.