02/02/2024
O Concello executou a reforma da zona infantil do Parque dos Patos coa restauración de elementos de xogo e a colocación de céspede
O parque dos Patos de Barbadás loce nova imaxe. O Concello executou a reforma dun espazo de xogo moi frecuentado polos nenos e nenas e que contaba con elementos deteriorados. As obras consistiron na retirada de lousas en mal estado, o arranxo de elementos de xogo e a colocación de céspede artificial.
O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, visitou este espazo infantil e anunciou que tamén se levará a cabo a instalación de valado de madeira para delimitar a zona de areal. Con esta actuación, o Concello de Barbadás mellorou unha das zonas de xogo máis frecuentadas polos nenos e nenas, ofrecendo un espazo de ocio seguro para os máis pequenos. O rexedor pon en valor esta actuación por tratarse “dunha das zonas máis emblemáticas de Barbadás, non só polo paseo fluvial senón por este espazo infantil que vén de ser recuperado”.
O Parque dos Patos, unha zona de ocio escollida a diario non só polos veciños e veciñas de Barbadás, senón tamén polos de concellos próximos, ten unha superficie de 6.423 metros cadrados e no seu interior conta co parque infantil, de 80 metros cadrados, que foi obxecto desta actuación.
Para garantir a seguridade dos usuarios, a zona de recreo infantil acondicionouse con novo pavimento de caucho e acabado en céspede artificial. Restaurouse ademais un elemento de xogo que se atopaba en mal estado, trasladándose ao taller para a substitución das madeiras deterioradas, o lixado e pintado.
A concelleira de Parques e Xardíns, Victoria Morenza, asegura que con esta actuación “mellorouse considerablemente o estado dun parque no que disfrutan moito os cativos e cativas e seguimos na liña de seguir transformando estes espazos e mellorando a súa imaxe”. A edila anunciou que o Concello de Barbadás conta con proxectos para mellorar novos espazos infantís nas parroquias e na Valenzá. Así, no parque da Rúa do Viso, por exemplo, tamén se pretende levar a cabo unha reforma integral con elementos novos e facendo as instalacións inclusivas.