26/11/2024
O Concello licita a un tempo a reforma do Centro Social de Sobrado, a mellora da Calzada Romana e de dous camiños: 278.000 euros

O Concello de Barbadás tramita de forma simultánea a licitación de tres importantes obras, que no seu conxunto suman preto de 278.000 euros, e que serán adxudicadas a final deste mes.
Trátase do Centro Social de Sobrado do Bispo, a mellora dos camiños Hervideiro, nesta mesma localidade, e A Carreira, en Barbadás, e a urbanización da Calzada Romana.
Centro social de Sobrado do Bispo: 151.957 euros.
Modificación do acceso, construción dunha nova escaleira e zona exterior. Novos aseos no interior. Renovación da cubrición da cuberta e substitución parcial da estrutura soporte. Novas carpinterías, cámaras e illamento na fachada. Renovación das instalacións de fontanería e saneamento, así como as de electricidade e iluminación e unha nova instalación de ventilación.
Calzada Romana. 70.000 euros.
Construción de beirarrúas nos tramos nos que non existen. Colocación de baldosas e instalación de elementos necesarios tendo en conta os pasos a camiños e a adecuación de pendentes á normativa. Reforma dos tramos deteriorados. Limpeza con auga a presión das baldosas existentes e limpeza da vexetación ao longo de toda a beirarrúa. Construción dun camiño, previa limpeza e roza. Colocación de varandas na parte da marxe dereita do río Barbadás.
Camiño a Carreira en Barbadás e Hervideiro en Sobrado. 56.200 euros.
Ampliación, mellora e mantemento de ambos camiños, de 305 e 110 metros respectivamente, que dan acceso a parcelas agrícolas destas dúas localidades.
Esta obra forma parte do Plan de Mellora de Camiños Municipais de Acceso a Parcelas Agrícolas 2024 – 2025, financiado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural “Europa inviste no Rural”.