16/02/2024
O Concello mellorará a zona axardinada baixo o viaduto da Valenzá e rehabilitará as letras que dan a benvida ao núcleo
Que os veciños, veciñas e visitantes que circulan pola OU-518, que comunica A Valenzá co resto do municipio, sexan recibidos como se merecen e cunha imaxe á altura do que representa Barbadás tanto a nivel provincial como galego, sendo unha das vilas máis puxantes da comunidade. Este é o obxectivo que levou ao Concello de Barbadás a elaborar un proxecto que mellorará a zona axardinada baixo o viaduto e que actualmente se encontra recuberto de grava, con plantas de temporada en mal estado. As letras de aceiro lacado en gris escuro co nome da Valenzá tamén se atopan deterioradas e con esta intervención daráselle máis protagonismo e visibilidade.
Tal e como se especifica no proxecto, a zona na que se actuará ten un sistema de rego por goteo e pequenas contencións de grava mediante elementos travesaños de madeira en mal estado e descolocados debido á presión da grava e á pendente. As actuacións previstas para mellorar o recinto son as seguintes:
-Retirada das letras existentes sobre o muro.
-Roce do terreo.
-Nivelación en dúas bancadas con contención de muro de bloque armado e chapa de aceiro. Debido á excesiva pendente e aos problemas que suporía para o mantemento da herba, crearanse dúas bancadas dunha altura máxima de 65 centímetro e unha lonxitude de 28 metros.
-Substitución do sistema de rego por goteo a sistema con aspersores.
-Colocación das letras existentes lacadas e soldadas a caixóns metálicos en cor granate.
-Plantación de céspede.
-Traballos de poda e xardinería con plantación de lavanda.
Cómpre destacar que o espazo sobre o que se actuará é moi visible, especialmente polo tráfico rodado da vía OU-518, que comunica A Valenzá co resto do municipio, así como a vía principal de acceso ao concello.
A concelleira de Obras, Victoria Morenza, destaca a importancia desta actuación, “que contribuirá a mellorar o entorno e a ofrecer unha nova zona verde á veciñanza nunha zona degradada moi transitada pola comunidade escolar, moi próxima á CEIP O Ruxidoiro e ao Parque da Liberdade e da Solaina” .
O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, asegura que esta actuación segue a liña doutras xa rematadas como a creación da pista da skate e a mellora do baixo viaduto. “Con estes traballos faremos máis habitable a vila da Valenzá”, engadiu o rexedor.