07/11/2023
O Concello mellorou a visibilidade dos pasos de peóns da Valenzá, Finca Fierro e Barbadás para garantir a seguridade viaria
Garantir a seguridade viaria é o obxectivo polo que o Concello mellorou a visibilidade da práctica totalidade dos pasos de peóns da Valenzá, Finca Fierro e Barbadás. Así se detallou no pleno ordinario celebrado onte á tarde como resposta á moción do Partido Popular na que se reclamaba esta actuación e a instalación de novas marquesiñas. Con relación a este punto, a concelleira de Mobilidade, Victoria Morenza, recordou que o goberno local colocou estas estruturas na Valenzá, Bentraces, Barbadás e Pontón, entre outros puntos do concello, e insistiu en que a velocidade máxima para circular na Valenzá son 30 quilómetros por hora e que así se especifica coa sinalización vertical correspondente. A proposta saíu adiante por unanimidade.
En relación coa mellora da seguridade viaria tamén presentou unha moción Partido Galego, que reclamou máis iluminación e melloras no treito entre Finca Fierro e Parada. Solicitouse a mellora das beirarrúas no entorno da residencia e instar á Deputación a rematar os pasos elevados en Piñor. Victoria Morenza lamentou que a entidade provincial leve anos sen acometer estas actuacións a pesar das peticións formais que realizou o Concello. En relación á iluminación entre Finca Fierro e Parada, así explicou a concelleira os trámites que se levaron a cabo: “A Deputación respondeu por escrito ante as peticións do Concello que a iluminación é competencia municipal porque é solo urbano, pero un informe técnico municipal pon de manifesto que non é solo urbano, senón que é rústico”. A proposta tamén saíu adiante por unanimidade.
Na sesión plenaria tamén se deu luz verde, co voto a favor do BNG, Democracia Ourensana e PSOE, o voto en contra do PP e a abstención de Partido Galego á modificación da ordenanza fiscal pola prestación de vertidos de augas residuais coa aplicación do 3,5 % do IPC e á aprobación inicial da modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa de abastecemento coa actualización do IPC.
Co voto a favor de todos os grupos e a abstención do Partido Popular apoiouse a moción do BNG relativa á reivindicación do 25 de novembro e a necesidade de impulsar compromisos económicos e orzamentarios para garantir a atención á violencia machista.
Tamén prosperou a moción do Partido Popular para eliminar o criterio da entrevista persoal das bases de selección do obradoiro de emprego. Victoria Morenza afirmou que a inclusión de entrevista é permitida pola orde da Consellería e foi aprobada por unanimidade en mesa sindical.