22/02/2024

O Concello recoñecerá aos grandes lectores e lectoras da Biblioteca Municipal coincidindo co Día de Rosalía de Castro

O Concello de Barbadás premia a paixón pola lectura. Coincidindo coa celebración do Día de Rosalía de Castro, este venres 23 de febreiro, recoñecerase aos grandes lectores e lectoras da Biblioteca Municipal. Neste centro cultural desenvolverase a programación para homenaxear á poetisa galega e aquelas persoas que solicitasen máis préstamos de exemplares durante o 2023 recibirán un lote de libros, entre outros agasallos. Establécense as categorías de infantil, xuvenil e adulto.

A concelleira de Educación, Marga Pérez, asegura que o obxectivo deste recoñecemento aos grandes lectores e lectoras “é contaxiar a paixón pola lectura a todos os veciños e veciñas e animar á cidadanía a coñecer a nosa Biblioteca”.

A programación para conmemorar o Día de Rosalía de Castro arrancará mañá ás 19.00 horas coa lectura do manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Seguidamente, realizarase unha lectura da obra da poetisa e procederase á entrega dos agasallos aos grandes lectores e lectoras. Tamén haberá música ao vivo.

Ademais, o Concello de Barbadás quere recoñecer o esforzo do Club de Lectura Café con Letras, formado por unha vintena de persoas e co que se colabora con exemplares destinados a completar o seu fondo de libros.

O Concello quere, un ano máis, conmemorar o Día de Rosalía de Castro, unha das datas máis sinaladas do calendario cultural galego. Ante o descoñecemento do día exacto do nacemento da escritora celebrábase o 24 de febreiro, se ben a efeméride adiantouse ao 23 de febreiro pola aparición de novos datos sobre a data do seu nacemento.

 

 

 

Novas

CONTENT.1733597136

SINGLE.1733597136