02/10/2023

O Concello reformará o centro social de Sobrado do Bispo, único en Barbadás das súas características e cunha gran oferta de servizos

O centro social de Sobrado do Bispo, único en Barbadás polas súas características, cambiará significativamente de imaxe. O Concello levará a cabo a súa rehabilitación cun orzamento de 151.957 euros e un prazo de execución de 6 meses. Na sesión plenaria celebrada esta tarde aprobouse a financiación do proxecto mediante o acceso ao fondo de cooperación da Xunta de Galicia.

O obxectivo é mellorar as posibilidades reais dun inmoble ao que se achegan numerosos veciños e veciñas e que presta gran cantidade de servizos. Nas súas instalacións pódense ler diarios e revistas, realizar o visionado de recursos audiovisuais, actividades de estimulación cognitiva, programas de promoción da saúde, prevención da dependencia e mantemento físico, alfabetización informática e manexo de novas tecnoloxías. Coa rehabilitación e a mellora da accesibilidade, favoreceríase a participación de persoas de maior idade nestas propostas.

As intervencións a realizar serán a modificación do acceso na fachada nordeste, a construción dunha nova escaleira e zona exterior que protexa aos usuarios do tráfico rodado, creando un espazo de descanso como antesala ao edificio.

Para mellorar a accesibilidade tamén se crearán novos aseos no interior e a mellora da entrada sureste. Na cuberta renovarase a cubrición e substituirase parcialmente a estrutura soporte. Tamén se prevé intervir nas fachadas con novas carpinterías, cámaras e illamento e renovaranse as instalacións de fontanería e saneamento, así como as de electricidade e iluminación e unha nova instalación de ventilación.

Con esta intervención, o Concello de Barbadás pretende poñer en valor un inmoble que presta gran cantidade de servizos non só aos veciños de Sobrado do Bispo, senón de todo o municipio.

 

 

Novas

CONTENT.1743143793

SINGLE.1743143793