08/02/2024

O Concello renovará a rede de pluviais e o pavimento do Camiño do Barro das Lamas, ancheando a vía en diferentes puntos

O Concello de Barbadás vén de adxudicar unha obra que mellorará significativamente a accesibilidade no núcleo das Lamas. A actuación, que conta cun orzamento de 123.000 euros, consistirá na renovación da rede de pluviais e o pavimento do Camiño do Barro. As obras, que teñen un prazo de execución de 3 meses, tamén contemplan a ampliación do ancho desta vía en diferentes puntos.

Coa execución destes traballos, o Concello mantén a liña dos últimos anos no seu empeño de dotar aos diferentes núcleos do municipio do equipamento mínimo de infraestruturas. A intención do goberno local é aumentar a calidade de vida dos veciños e veciñas, ao mesmo tempo que se melloran as condicións de accesibilidade.

Tal e como se detalla no proxecto, as obras consistirán na demolición do pavimento asfáltico existente e a escavación en gabia para a tubaxe. Realizarase o roce, limpeza e retirada da vexetación dos bordes laterais do camiño, nunha superficie de 463 metros cadrados. Ademais, está prevista a ampliación da anchura do Camiño do Barro nunha superficie de 360 metros cadrados.

 

Nos traballos que se realicen na zona poranse a coto da nova rasante do pavimento as tapas de pozos de rexistro, arquetas e sumidoiros existentes. Ademais, reporanse as marcas que resulten afectadas pola execución do novo pavimento, tendo en conta a normativa vixente.

 

A concelleira de Vías e Obras, Victoria Morenza, asegura que a renovación de pluviais e do pavimento desta zona das Lamas era unha demanda veciñal: “Este ambicioso proxecto faise eco das inquedanzas dos residentes e soluciona un problema que vén de moitos anos atrás”. A edila explicou que As Lamas, unha zona en continuo crecemento, precisamente leva este nome pola existencia de moitos nacementos de auga e ao non facerse as urbanizacións correctamente provocáronse danos nas vías.

 

O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, asegurou que a obra do Camiño do Barro “mellorará unha situación que se deriva dunha mala xestión urbanística por parte dos gobernos anteriores e agora vémonos obrigados a levar a cabo unha actuación de gran envergadura que mellorará a calidade de vida da veciñanza”.

 

Proxecto para a Rúa Estrada de Piñor na Finca Fierro

O Concello de Barbadás conta con diferentes proxectos que mellorarán as infraestruturas en diferentes núcleos do municipio. É o caso das obras que porán fin ás deficiencias existentes no firme da rúa Estrada de Piñor. A vía, emprazada en Finca Fierro, presenta un estado de grave deterioro debido á carga de tráfico rodado que rexistra. Coa execución das obras, evitarase que novos danos poidan deteriorar por completo a calzada.

 

 

Novas

12/10/2024

As obras de mellora do firme nas Rúa Alvaredo, Principal de Loiro e Lameiro do Mato chegan ó seu tramo final

12/10/2024

Convocatoria de subvencións 2024 para as Asociacións Culturais do Concello de Barbadás

2024-Banner-Subvención asociacións culturais - concello de Barbadás

Prazo de presentación, 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación no Boletín Oficial da Provincia.

11/10/2024

Convocatoria de subvencións 2024 para as Asociacións Veciñais do Concello de Barbadás

2024-Convocatoria de Subvención asociacións veciñais - 2024 - concello de Barbadás

Presentación de solicitudes: 20 días naturais, a contar desde o día seguinte da publicación no Boletín Oficial da Provincia de Ourense.

CONTENT.1729010932

SINGLE.1729010932