07/10/2023

O delegado do Goberno traslada o seu apoio a Barbadás por impulsar o Parque Empresarial

O delegado do Goberno, Pedro Blanco, valorou a proposta do alcalde de Barbadás para o desenvolvemento do parque empresarial do concello, unha das prioridades do Goberno local para este mandato. Na súa visita ao concello ourensán, Blanco pechou co alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, a celebración dunha próxima reunión coa xerente de Suelo Empresarial Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo, para estudar as fórmulas que permitan o futuro desenvolvemento desta área industrial, que pretende acoller empresas do ámbito tecnolóxico e que xa conta con senllos estudos de viabilidade e mesmo cun orzamento de execución cifrado en 7 millóns de euros.

Ademais, Pedro Blanco, que estivo acompañado polo subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, tamén se comprometeu a trasladar ante o Ministerio de Cultura o proxecto Martín Gaite, que aspira a converter este concello ourensán, no que a escritora pasou parte da súa infancia, na capitalidade do centenario do seu nacemento, que terá lugar no 2025.

Na visita ao concello, o delegado aproveitou para supervisar o funcionamento da Unidade de Orientación Profesional (UOP), un novo servizo do Ministerio de Educación e Formación Profesional no que colaboran o Concello e o Ministerio e que se enmarca no Plan de Recuperación do Goberno. Alí, na Aula Tecnolóxica do Parque da Solana (A Valenzá), comprobou os servizos que ofrece esta unidade, asociada á “Aula Mentor” do concello ourensano.

Barbadás é o único concello ourensán en contar con este tipo de unidades de acompañamento e de formación e que o Ministerio de Educación puxo en marcha este ano. No caso de Barbadás, o Goberno subvenciona o seu funcionamento con 28.500 euros e o Concello ofrece os medios técnicos e o local.

A Unidade de Orientación Profesional posibilita a tramitación do “Certificado de Profesionalidade”, unha titulación oficial que se consigue a través da experiencia laboral ou da formación non regrada. Para iso, o servizo conta cunha orientadora que ofrece apoio e acompañamento durante todo o proceso administrativo.

Pedro Blanco e o alcalde reuníronse na Casa do Concello, onde repasaron os proxectos do Goberno en Barbadás e que se traducen en investimentos de 250.000 euros en distintas partidas. O delegado reiteroulle ao alcalde o compromiso do Goberno de Pedro Sánchez coa administración local para ofrecer novos servizos e avanzar na dixitalización e na sustentabilidade dos municipios.

Entre os investimentos do Goberno, o delegado destacou os 171.118 euros que posibilitaron a renovación da práctica totalidade dos puntos de luz pública do Concello; o esforzo para levar internet de alta velocidade a preto de 120 fogares e negocios de Barbadás co Programa UNICO do Ministerio de Asuntos Económico ou os 43.900 euros para a loita contra a violencia de xénero que o Concello recibiu desde o 2021 do Ministerio de Igualdade.

Por último, o delegado aproveitou tamén o encontro para felicitar o Concello polo recén acadado premio María Moliner de animación á lectura que lle outorgou o Ministerio de Cultura á biblioteca municipal de Barbadás.

Novas

CONTENT.1733912884

SINGLE.1733912884